sábado, 24 de setembro de 2022

GALICIA, O PAÍS DAS MARABILLAS (I)

 



Sete palabras para Alicia/ Galicia

Seguro que coñeces un relato que se titula: Alicia no país das marabillas.

       É un relato de Lewis Carroll, un pseudónimo, dun autor galés no que unha nena chamada Alicia vive unha serie de aventuras nun mundo descoñecido tras quedarse trasposta. Logo de espertar percibe que dalgún xeito dita experiencia no mundo dos soños con cantidade de interrogantes e situacións novas e marabillosas lle serviron para medrar como persoa.

       Imos tentar que sexas como Alicia e que coñezas mellor ese mundo marabilloso que se chama Galicia. Para iso deberás atreverte a liberar os soños da gaiola. Terás que desprenderte algo da túa inocencia infantil e entender mellor os dobres sentidos, os xogos de palabras e as metáforas da vida. Terás que saber saír do tobo, o que pode significar un sombreiro, coñecer a pedantería do cróquet e algunha que outra palabra nova e máis dun personaxe mitolóxico do que non tiñas nin idea, tentarás xogar aos naipes por aburrimento e nunca esquecer o que é un sorriso. Daquela aprenderás a ousadía de colocarte ante o espello preguntando: quen son eu?

 


                 Galicia somos nós:

                a xente e maila fala.

                Se buscas a Galicia,

                en ti tes que atopala!

                                  MANUEL MARÍA. Os soños na gaiola


O noso obxectivo central: Liberar os soños da gaiola

Comezamos  usando un xogo que anda na rede do Portal das palabras con sete palabras para achegarse ao relato de Alicia no país das marabillas, a estas sete palabras imos asociándolle distintas miradas a Galicia para saber das marabillas que agocha.

1-   


  1-TOBO: Burato que fan debaixo da terra certos animais

para viviren ou refuxiárense nel.

 A ETIMOLOXÍA: A historia das palabras. tobatobal ou tobeira, (todos eles menos frecuentes nos textos), por asociación coa forma dun tubo, a partir do latín tubus, -i.

Caer no tobo para procurar o substrato ou a orixe o principio das nosas palabras, viaxar ás raíces de noso… saberemos entón cousas coma esta:

AS TANXUGUEIRAS  dende o seu tobo, desde as súas raíces souberon atoparse un mundo sen fronteiras. Sabías que…Na Idade Media sucedeu algo semellante. Os nosos trobadores e xograres coas cantigas de amigo e de amor galaico portuguesas  chegaron e triunfaron en moitas das cortes europeas.

Vaiamos ás raíces ao substrato máis fondo da nosa lingua e da nosa lingua:

AS RAÍCES DA NOSA LINGUA

I- Na prehistoria están as raíces da nosa identidade: Os primeiros habitantes de Galicia eran de orixe pre-indoeuropea e logo cara o século VI antes de Cristo chegarían aquí tribos de celtas, unha das grandes familias indoeuropeas. Ambos deixaron a súa pegada no galego, son o substrato da nosa lingua.

II- Antes do galego, GALLAECIA: Os romanos chegan ao noso territorio cara o 131 a.C.. Esta terra tiña unha cultura prerromana que chamamos castrexa. Os romanos establecen unha división provincial na península dándolle o nome de Gallaecia a un territorio maior da actual Galicia, que chega polo sur ata o río Douro e polo leste ata Cantabria. A nosa lingua nai, o latín substituíu as linguas dos anteriores poboadores e será a base sobre a que nacerá o galego.

III- GALICIA, o 1º Reino medieval de Europa: Coa chegada dos Suevos, un pobo xermánico, baixo o seu dominio consolídase un reino independente que levará o mesmo nome dado antes polos romanos e seguirá falando latín con certas aportacións denominadas de superestrato de orixe xermánica. Tamén teremos un superestrato árabe de menor incidencia.

2-   


2- NARGUILÉ: Pipa oriental, co tubo longo e flexible e provista dun recipiente con auga perfumada polo que pasa o fume antes de ser aspirado.

 

Saber do local non impide coñecer o universal, non son termos contrarios, máis ben son complementarios pero non debemos por iso deixar de valorar o propio como garantía fronte a copia: ser orixinal é ser diferente, unha calidade dos seres humanos, a diversidade. 

 Traballamos nas aulas con dous textos para argumentar o seguinte: 

-          A diversidade lingüística e cultural garantía de humanidade (texto de Castelao)

-          Sermos orixinais fainos universais (texto de Antón Vilar Ponte)

3-   


3- SOMBREIRO: Peza de vestir que se pon na cabeza para cubrila ou adornala, que pode ser de diversas feituras e de diversos materiais, como palla, feltro etc.

 

 Partindo do sinónimo de chapeu, emulando a tolería do sombreireiro de Alicia e para enriquecermos a nosa linguaxe e, á vez, o pensamento crítico, traballaremos as aparencias e os dobres sentidos tan frecuentes no relato de Lewis Carroll, realizaremos unha viaxe aos paradoxos de seren galegos/as. Especialmente para despexar o absurdo de negarse a un mesmo.

 

4-     


4-CRÓQUET: Xogo de orixe irlandesa que consiste en facer pasar unha bóla de madeira por uns arcos cravados no chan formando un percorrido, empurrándoa cun mazo.

Viaxar pola historia da nosa cultura. Descubriremos en principio o Atlantismo de Galicia e o seu celtismo como percorren o seu camiño na procura dunha meta como no xogo do cróquet: Para comprender o presente e soñar o futuro!


DO NACEMENTO DO GALEGO AO REXURDIMENTO

 Nace o galego e as peregrinacións a Compostela: Entre o VIII e o IX o idioma que fala este reino de Gallaecia diferénciase claramente do que se fala noutros puntos da península, xa non é latín. Polo sur da península os musulmáns fanse fortes, pero van ter escasa presencia no norte. Descóbrese o sepulcro de Santiago en Compostela. Aínda que se fala o galego o primeiro documento escrito non aparece ata moito máis tarde, o ano 1228.

O esplendor medieval da nosa literatura: Nos séculos XII-XIII o uso do galego xeneralízase mesmo na escrita e será entón cando aparecen as primeiras expresións literarias en forma de cantigas. O desenvolvemento da arte románica tamén será, en certa medida, unha consecuencia dos intercambios culturais do Camiño de Santiago. A lírica galaico-portuguesa será o referente literario de poetas de toda a península e unha das máis importantes de Europa. Ao longo destes séculos, a pesares da independencia de Portugal no 1128, existía unha mesma lingua ao norte e ao sur do Miño.

Decadencia do XIV-XV e os Séculos Escuros XVI-XVIII : A desaparición dunha nobreza galega que promocione a literatura en galego, ao ser substituída por outra de orixe castelá, provocou un proceso de decadencia que non só fai desaparecer o reino de Galicia, senón tamén a súa literatura culta. Son os séculos nos que a lingua galega tras da caída da nobreza perde todo cultivo escrito, pero permanecerá viva entre as xentes humildes, unha poboación iletrada que manterá a fala e unha rica literatura de tradición oral, verdadeira sustentadora da nosa cultura ata ben entrado o século XIX.

Os ilustrados e precursores dunha nova etapa: Á luz dos ilustrados comezarán a disiparse as mestas néboas sobre o noso feito cultural.    Martín Sarmiento, foi dos primeiros en preocuparse pola situación do noso idioma e propoñer camiños de normalización cultural como a introdución do galego no ensino, na administración da xustiza ou na igrexa. Xa no século XIX aparecen obras en galego dos chamados precursores que prepararán o camiño para as grandes figuras que virán axiña.

O primeiro galeguismo e o Rexurdimento literario: A mediados do XIX en 1846 nace un movemento de reivindicación política, o Provincialismo, que ao ser reprimido pola forza, fixo refuxiarse nun movemento cultural a toda reclamación de dereitos para Galicia. Coa publicación das obras de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez comeza o Rexurdimento da nosa literatura culta. Tamén a finais do século dará comezo a andaina dos movementos galeguistas. 

5-   


   5-SORRISO: Acción de sorrir e xesto que se fai ao sorrir.

 

As emocións e sentimentos que se expresan a través da lingua, por exemplo, na poesía  e ese invisible, pero sempre presente espírito rosmón cama dun gato da lingua ou da cultura que nos acompaña sen nós o saber.  Tamén a fantasía que abre a porta da ficción como xénero da narrativa, o dos feitos... Falamos de literatura galega.


Poñamos por caso o soño da Galicia Infinda do poeta Florencio Delgado Gurriarán que foi homenaxeado no Día das Letras do 2022.

Galicia é infinda!

Nosa Galicia é máis que toda a Terra.

Non é xa o cativo currunchiño

que din escolas vellas.

Cómprenos desbotar antigos erros

fillos de mente estreita:

Galicia é infinda!

Nosa Galicia é máis que toda a Terra.

Galicia só limita coa Saudade,

elástica fronteira

que serve para o tempo e para o espacio

–onde un galego está, atópase ela–,

mais que ninguén atravesala pode

inda que leve nos papés: Poeta.

6-     


6- GRIFÓN: Animal fabuloso da mitoloxía antiga co corpo de  león e a cabeza e as ás de aguia.

A mitoloxía outra forma de viaxar ao longo do tempo e de saber de contemplar a historia de Galicia coma ponte entre o mediterráneo e o Atlántico. Recrear a maxia dos nosos mitos para reinventarnos:

A torre de Hércules ou de Breogán?

               O misterio do val das mouras nunha terra envolta en néboas  ao pé dunha fonte nun dos 5000 castros de Galicia. Espéranos unha moza que peitea os seus cabelos con peites de ouro e leva unha rosa nos beizos e que cando a volvemos a ver  se converteu nunha serpe…

7-     


7-NAIPE: Cada unha das cartolinas con forma rectangular e figuras pintadas que compoñen a baralla.

Chegados a este punto temos cartas suficientes para comezar a construír a nosa identidade que non pode ser fráxil. No xogo da vida, para evitar un absurdo como a ameaza da Raíña de que nos corten a cabeza, debemos tomar a palabra como a Sota de corazóns e usar a lingua para argumentar, para crear o noso propio eu en relación co nós, cos pés na terra para seren quen de construír algo máis resistente e firme que un castelo de naipes.

Coma no xuízo de Alicia, Galicia ten dereito a defender a súa cultura:

O problema do idioma en Galiza é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta.

Pedimos garantías legais para o desenrolo natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura  para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.

                                                                                  A.D.R. Castelao. Sempre en Galiza

 


Ningún comentario: