Amosando publicacións coa etiqueta CLUB DE LECTURA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CLUB DE LECTURA. Amosar todas as publicacións

venres, 14 de novembro de 2025

LECTURAS CLANDESTINAS: Un ollo de vidro a nosa primeira lectura

 

Desvelamos que comezamos a andaina na Biblioteca de Primaria entre letras e conversas clandestinas. Presentamos a proposta a quen quixo vir, ante unha chea de confidentes. Como calquera club de lectura escollemos un texto para ler e como disidentes na clandestinidade comprometémosnos cunha reivindicación e unha causa que, polo de agora, non desvelaremos.  

sábado, 25 de outubro de 2025

FUNDAMOS UNHA BIBLIOTECA CLANDESTINA ?

 De origo, lectura e interpretación, memoria e impulso, 

luctor et emergo, defensa e inicio, clamor et libertas, 

semente e primavera, reflexión e revolta, 

clandestinidade e pensamento.


UNHA BIBLIOTECA CLANDESTINA

Se cadra é necesario fundarmos unha biblioteca clandestina para aprender de novo a valorar a importancia de ler en profundidade.  Non cabe a máis mínima dúbida de que, tras comezar este curso con alegatos obscenos a non darlle transcendencia á lectura, non deixa de ser necesario seguir insistindo na revolución persoal e colectiva que supón abrir un libro, para saborealo ou para aborrecelo, para mirármonos no espello que é a literatura, para agasallármonos cunha oportunidade para seguir soñando e construíndo utopías e, como diría Lorca, para impedir que morra a esperanza. Pan e libros. Que distinto a aquilo de "pan e circo", ou a esoutro de estadios e balón e máis balón!  


A CLANDESTINIDADE, O SENTIDIÑO E A CRÍTICA

Afastarse do abismo e da comodidade das maiorías  que mirando só as pantallas dos móbiles en rabaños son arrastrados ineludiblemente coma se dunha  DANA se tratase, cara ao conformismo apático e egoísta. Convértese pois nun exercicio necesario e paciente para tomar alento, respirar profundo e con sentidiño incorporarse, paseniño e sen volta atrás, á crítica, desprenderse do gris da uniformidade e a globalización impúdica, para apostar pola diversidade clandestina que berra en cada recuncho do universo mundo a favor da humanidade que está ferida polo máis cruel e despiadado necrocapitalismo no que vivimos indolentes as máis das veces. Que pouco sentido, que ausencia de empatía!  Si, debemos reaccionar se non queremos chegar tarde a estación nesta ocasión. A crítica é a arma pacífica das letras e da palabra contra o abuso do poder,  o clamor da crítica é esencial para educación e a viaxe da vida. Sexa tan só por evidenciar que a esperanza dun mundo mellor aínda existe, que reclama a nosa atención e o noso compromiso.

 

A DEBATE

Logo da confabulación manifesta do poder co odio vén a hipocrasía que proclama a neutralidade ideolóxica ante as cámaras da indecencia. Redimirse da corrupción da educación é un imperativo para docentes e alumnado,  tamén para as familias e a sociedade civil. A educación está en cuestión ao pretender introducir a caducidade do espírito crítico. Non todas as opinións son respectables, pero si que son todas cuestionables. Entender isto resulta vital para avanzar co progreso confidente da humanidade cara ao inexcusable deber da felicidade.


A MODO DE BIBLIOGRAFÍA DA OPINIÓN AO USO,
ou apuntamentos para este curso...

 neutralidade ideolóxica 

nun día das bibliotecas

Yolanda Castaño, cando deixo de ser flor, molesto

RAE: xenocidio

Ursula K. Le Guin

outro día das bibliotecas 

centenario

200 aniversario do autor Carlos Collodi, As aventuras de Pinocchio

luns, 17 de decembro de 2018

As 13 Lúas de Nadal

Na Biblioteca de Secundaria contaremos a historia das 13 lúas do Nadal... Achégate para escoitar e participar desta experiencia de lectura na biblioteca, debaixo dunha imaxinaria árbore de Nadal cargada de palabras e contos, tamén algún canto, moita ilusión e unha gran esperanza...

Na longa espera da primavera futura, no inverno que chega e que se apodera da luz do día e como entre néboas densas nos transportará nas paisaxes de frío, vento, chuvia e mesmo neve ao país das palabras que esperan ser descubertas ou sementadas, daquelas outras que xa o están baixo un manto de follas de outono, entre liques e cogumelos caeron para medrar cando a primavera as chame coa voz cálida da brisa.

Namentres lemos e contamos, ou cantamos á calor da fogueira dos relatos das noites das trece lúas que son as donas do solsticio, das noites longas pensadas para falar e falar, para ler e contar, para reunirse e abrazarse. As noites plenas
do inverno que esperan pola luz dos días de primavera que han de vir... 

venres, 11 de abril de 2014

Unha sesión especial do Club de lectura de Secundaria

O protagonista foi un relato singular de Castelao no que amosa ás claras como a través da literatura outra mirada é posible. Trátase do texto Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete. A primeira contribución ao proxecto de modernización da narrativa galega que o autor de Rianxo publicou en 1922.

O texto comeza cunha curiosa cita que sintetiza moi ben un dos trazos do estilo de Castelao:
Debaixo do humorismo hai
sempre unha grande door;
por iso no ceo non hai
humoristas.
Mark Twain

Efectivamente este texto é un relato onde o humorismo serve para retratar algunhas das lacras da sociedade dos vivos dende a óptica dun esqueleto moi particular que usa o seu ollo de vidro para, a pesar de estar morto, poder seguir vendo o que lle rodea.

venres, 14 de febreiro de 2014

Segunda sesión do CLUB DE LECTURA

II Xornada do club de lectura. Xoves 13 de febreiro de 2014. Colexio San Narciso de Marín.

Outra mirada é posible!

Desde a biblioteca do noso cole continuamos co relato A loba pertencente á obra de Xabier P. Docampo, Cando petan na porta pola noite.

A loba introdúceo un narrador en primeira persoa que refire unha historia que o seu pai coñeceu había case trinta anos, cando viaxaba como arrieiro e tratante de bestas. A este, durante unhas das andainas polos camiños, fíxoselle de noite e non tería problema para continuar se non fose pola nevarada que estaba a caer. Viuse obrigado a desviarse da rota ata perderse. De novo é unha luz a que serve de marcador o horizonte para continuar (como ben sabemos xa aparece este concepto no primeiro dos relatos na xornada anterior titulado O espello do viaxeiro). Unha casa ao lonxe servíu de acubillo para el e o animal que o acompañaba. A familia que a rexentaba ofreceulle calor e alimento. O ouveo dun lobo ao lonxe tíraos da conversa facendo que a vella da casa relate unha historia, a historia da Isaura.
Con todo o esquema que estamos a seguir é o seguinte:

   A historia de Isaura (referiada pola vella)
 

     O pai do narrador principal (sabemos del polos diálogos da historia que el mesmo 
      lle conta ao recordar trinta anos antes)

 

   Narrador principal introdutor do discurso nun tempo externo ao tempo da historia.

 
 
Esta historia ten que ver cunha familia de boa casa en Gallado. O patriarca, viúvo, tiña un fillo “casado na casa” que levaba o peso da facenda coa colleita do trigo e centeo. Este matrimonio tiña só un fillo, Silvestre, un zapazote guapo e falangueiro que era o “ollo dereito” do avó, o cal colmaba de cartos e atencións. Tanto é así que tras deixar os estudos pasaba os días cazando ou dilapidando a facenda en tabernas e mulleres de mala vida.  A súa andaina levouno a Gallado. Unha noite pediu acubillo na casa dos Reboldás, unha familia humilde e traballadora que tiña tres fillas. A máis xeitosa chamábase Isaura e converteuse no capricho de Silvestre. Meses despois a rapaza quedou en estado, en canto o mozo o soubo prometeulle casar. Un día levouna á Coruña e no mesmo día regresaron. O silvestre prometíase tempo despois con outra moza sumindo a Isaura na mágoa máis profunda. O día da voda Isaura presentouse espetarlle  a Silvestre que lle debía un fillo (outra vez a maldición – condea dos relatos anteriores). Esa noite Isaura aparecería aforcada para logo converterse na xefa dunha manda de lobos terribles que ameazaban a todo o mundo. Silvestres e os seus sairan por veces a abatilos sen éxito. O matrimonio tivera un fillo nesas datas. Unha noite de batida “a grande loba” apareceu na casa e arrebatoulles o rapaciño levándoo a un palleiro onde deron con ela. Prendéronlle lume sen saber que dentro estaba o neno. Cando se decataron, Silvestre entrou a rescatalo pero morreron os tres: a loba, Silvestre e o neno que lle debía.

Este relato fainos lembrar as lendas do Lobishome que forman parte dos contidos de lingua galega e literatura nos primeiros anos do noso currículo. Estas fan referencia á crenza popular de que un individuo por mor dunha maldición e por ser o sétimo ou noveno fillo nado dun matrimonio con descendencia de varóns ou mulleres poden nacer coa “fada” de sufrir unha transformación en lobo ás noites, esta metamorfose dáse ao cumprir unha determinada idade, para que isto non ocorra o fillo afectado pola fada debe ser apadriñado polo irmá ou irmán maior. 
Tivemos un “contador” de luxo, un alumno de 1º da ESO B, Daniel Santos Costas. Este compañeiro relatounos que o seu pai é amigo do fillo do naturalista e carismático Félix Rodríguez de La Fuente, que nos abandonou hai trinta anos e co que aprendemos a convivir coa natureza co seu exitoso e influínte documental El hombre y la Tierra. Este amigo posúe unha fermosa casa nas montañas de Burgos, ampla e marabillosa, pero o que chamou a atención de Daniel nunha das súas visitas foi a presencia do lobo nas estancias en figuras desecadas. Daniel resalta que na paz da noite, aló ao lonxe aínda se deixa oír o ouveo do lobo.
Se facemos unha reflexión, pouco contribuíu o home ao longo do que chamamos progreso en concienciar ás xeracións sobre ecoloxía e conservación do medio. Galicia non contou cun movemento que defendera a natureza do autóctono e con iso perdemos a presencia do lobo no noso territorio. O home perfeccionou e embelleceu o contorno para ás necesidades ditadas pola modernidade a cambio dun alto prezo, a cultura natural, biolóxica e comunitaria.
Mentres se oïa un ouveo e se escriban relatos coma este o lobo está a salvo con nós.

O próximo día poremos enriba da mesa o relato O Cumpremortes, (Se é que vos atrevedes). Agardámosvos


venres, 7 de febreiro de 2014

COMEZAN AS SESIÓNS DO CLUB DE LECTURA DA BIBLIOTECA DE SECUNDARIA

I xornada do clube de Lectura xoves 6 de febreiro de 2014. Colexio San Narciso.

Outra mirada é posible!

E tanto...


Desde a nosa biblioteca, quince rapaces e rapazas botamos unha ollada aos dous primeiros relatos dunha obra considerada polos críticos entre as cen mellores do século XX: CANDO PETAN NA PORTA POLA NOITE de XABIER P. DOCAMPO.
Cando nenos debecíamos por que nos “contasen un conto”, por oír as historias que viñan dos beizos dos nosos pais ou avós, cheas de sabedoría, experiencia e fantasía; todas elas cunha ensinanza. Como lectores e estudantes da literatura galega valoramos este legado tan noso na tradición oral do país de “contos a carón do lume da lareira” que tanto insisten os nosos profesores.
Nesta xornada introducímonos na temática do terror a man dun contacontos, un narrador en terceira que cede a voz aos personaxes dun viaxeiro e dun ferreiro no relato titulado O espello do viaxeiro: nel un viaxeiro achégase, canso dunha longa viaxe, a unha ferrería rexentada por un home tan semellante a el mesmo que parecía o seu propio reflexo nun espello, agás por unha eiva na pálpebra esquerda. O ferreiro hospédao. Cean e quentan o corpo con viño ata o punto que a embriaguez condúce os dous homes a rifar e ferirse mutuamente. Unha ferida causada no ollo do viaxeiro fai que teña que quedarse na ferrería máis tempo do razoable ata o punto de sospeitar que o ferreiro estao retendo. Os días pasan e a agonía medra no viaxeiro ata converterse nun desexo de vinganza para se liberar asestando varios golpes ao ferreiromentres durmía. Perpetrado o crimen, decide examinar o seu ollo vendado mais non atopa espello nin obxecto similar no que mirarse en toda a ferrería. Cando consegue o debecido obxecto que lle devolva o reflexo do rostro, abraiase ao contemplar a mesma eiva na pálpebra esquerda que sufría o ferreiro na súa propia faciana. Non da creto... o curioso da narración é que este home acabará por asumir, como se dunha condena-maldición se tratase, a vida do home a quen lla  arrebatara.
A reflexión que fixemos no grupo comezan polo termo “estadea”: ao inicio da naración o viaxeiro ve ao lonxe unha luz que descoñece de onde provén e descarta que seza a estadea. Na nosa tradición oral, a Santa Compaña  ou a figura do “aparecido” son moi comúns como trazo arquetípico dentro da superstición alimentada polo medo a andar os camiños de noite tan propio da nosa idiosincrasia popular.
Como toda narración na que interveñen personaxes, os lectores pomos algo de nós mesmos na lectura, buscámonos na realidade que viven os personaxes e no seu xeito de actuar. Tanto é así que sentimos a atafegante atmosfera dun prisioneiro que para saír do cativerio vese na obriga de matar ao seu carcereiro. Todo crime ten castigo e neste caso a condena é ocupar o lugar do ferreiro vivindo coma el coa súa muller e fillo.

O segundo relato titúlase O Fornadas. O característico deste conto é a narración por parte dun personaxe en primeira que non intervén na acción só é o trasmisor dunha historia que seu pai lle conta (segundo narrador) confidencialmente... a estrutura é a de "conto dentro do conto" polo que se solápan dúas estruturas temporais: o tempo do relato e o tempo do discurso. A historia comeza cun narrador inicial en primeira que nos introduce nun suceso que coñece polo seu pai; este fíxéralle prometer que non escribiría nada sobre o acontecido ata a súa morte. A narración secundaria diríxea o pai en primeira (narrador tetemuña) e baséaa nun recordo de hai moitos anos. Esta comeza coa descrición dunha malvada vella da aldea. Os seus actos provocan en catro veciños a carraxe suficiente para darlle un escarmento. Unha noite acoden á casa da vella, á que asaltan a golpes entre os catro. O golpe de gracia dállo o Teixo. Mentres a vella exala o derradeiro alento profire unha maldición contra este último prometendo vingarse por tan infame acto. Entre as dúbidas e o medo deciden levala a un forno onde poder desfacerse dela definitivamente. Mentres as chamas consumen o corpo da vella, de súpeto érguese sinalando aos rufiáns. A culpa e as circunstancias levan ao Teixo ao cárcere onde pasa unha estadía consumido polo  remordemento. Finalizada a pena, sae da prisión mais seguirá pagando o crime: regresa á aldea e sucesivas aparicións da vella desfigurada reclamándoo en corpo e alma vano atormentando. entre indescritibles pesadelos e dores a vella arríncalle os órganos e coméndoos ata deixalo baleiro por dentro. De novo, a maldición condena ao Teixo a non poder tirar coa vida persoalmente senón que outro debía ser o causante da morte. Nestes incesantes episodios Teixo atopa a este narrador secundario e pai do narrador principal e desafoga a súa situación pregándolle que o mate. Co tempo Teixo aparece morto, baleiro coma "unha zoca", cun golpe na cabeza.
O curioso deste relato é a estrutura narrativa, que achega a vontade de verosimilitude ao conxunto. A figura da vella só obtén castigo en vida mais a súa maldade traspasa as fronteiras do sobrenatural.  Sobre todo o detallismo formal de como vai baleirando o corpo do Teixo ata deixalo oco e con el non só marchan as vísceras senón a alma mudando o carácter.

E ao final, ademais de quedar para a próxima sesión para abordar os outros dous realtos deste libro, houbo sorpresa. 

       

domingo, 6 de outubro de 2013

Comezamos o curso coa primeira lectura para o Club de lectura

Comeza o curso e comezan tamén as lecturas do Club de Lectura. O misterio foi o máis desexado entre os lectores do Club de aí que escolleramos CARTAS DE INVERNo de Agustín Fernández Paz para iniciar este curso famento de letras e miradas... Seguiremos informando se é que podemos separarnos do libro unha vez que principiemos a lectura!.




venres, 20 de novembro de 2009

Bota a andar CURTALECTURA.



Unha das iniciativas de dinamización da Biblioteca deste curso 09/10 vai ser o Club de Lectura que realizará unha sesión semanal nun dos recreos. Será unha media hora para compartir as lecturas e comentos sobre textos breve, por iso ímolo denominar CURTALECTURA, o que non quere dicir que vaiamos a ler pouco senón relatos curtos. A intención e iniciar un camiño nun relato para que este relato e os comentarios que nazan da súa lectura nos leven a outro e este, á súa vez, a un terceiro, un cuarto, etc... Concebimos a lectura en CURTALECTURA coma un camiño aberto e sen fin onde as palabras dos participantes, alumn@s de distintos cursos comparten esta experiencia que semella unha viaxe para enriquecerse e medrar. Unha viaxe a través dos textos, das palabras e dos comentarios, mais tamén aparecerán ilustracións, debuxos, mesmo vídeos e o cine nalgún caso que axiña poremos en realación coas lecturas. Noutras ocasións faremos da lectura un xogo e as adiviñas ou a maxia seguro que seráb compañeiras alegres e marabillosas das letras e as verbas.
Comezamos pois cun par de textos de A.D. R. Castelao cuxos enlaces colocamos a continuación:

NA NOITE NA DERRADEIRA NOVENA DE DIFUNTOS
TODOS CANTOS SABÍAN ALGO DA HISTORIA DA VILA