domingo, 26 de abril de 2026

ARANTZA PORTABALES NOS ENCONTROS DO CENTENARIO DO SAN NARCISO


Ante un Salón de actos cheo de alumnos da Secundaria, o 10 de abril comezaron os ENCONTROS DO CENTENARIO DO SAN NARCISO coa presenza da autora e ex-alumna do Colexio, Arantza Portabales precisamente no día que comezaba a súa xira de presentación da súa última novela.  Arantza foi recibida polo Director Antonio Traba e pola Xefa de Estudos, María Pintos, ambos coñecidos da autora, par alogo pasar ao Salon esperábaa no escenario un acolledor sofá cunha mesa cargada de libros e lembranzas (fotos de cando Arantza era unha alumna do San Narciso e recortes de prensa que preparara María con moito agarimo) ademais dunha sorpresa a presenza dunha compañeira de curso Sindi Juncal. 


A LITERATURA NO CENTENARIO DO SAN NARCISO  

    Neste Encontro literario con autoras/es tan especial, habia entre o auditorio alumnado que acababa de ler a súa novela Beleza Vermella, alumnas e alumnos que leran xa en cursos pasados novelas súas e outros e outras que era a primeira vez que oiran falar deArantza. O acto resultou moi cordial e entrañable. Seguimos en tdoo caso un guión preestablecido que pasou por:

Literatura e educación: Queremos trasladar ás xeracións presentes o valor da literatura no proceso educativo. A importancia da literatura na formación da persoa, esa dimensión creativa que parte das lecturas. É un auténtico pracer facelo cunha ex-alumna que é todo un referente literario fresco que está, nunha etapa álxida claramente marabillosa como é a da estrea dunha nova novela, como é o Asasinato no muíño do cura, unha etapa vigorosa e na que amosas a túa plenitude como unha autora imprescindible para nós, o que fixo desta charla de hoxe algo inesquecible, un evento cargado de contido e esplendor, rico en palabras. 

Presentamos algúns trazos da súa biografía para quen non a coñeza, como é  o seu nacemento en Donostia en 1973,  filla de emigrantes galegos  que regresan a Marín en 1985. Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, traballou (agora ten unha excedencia) como funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia.

 Comezou a escribir en 2013, no xénero do microrrelato. O que nos deu pé a facerlle unha primeira pregunta de interese para moitas das alumnas e alumnos. Sentir a necesidade de contar é un proceso que nace en cada persoa dunha maneira distinta? Como madurou en ti este desexo de ser autora? Arantza respondeu que tardou en escribir en sentirse con ganas de escribir, pero que sempre foi unha moi boa lectora que no colexio xa escribira de todos os xeitos un texto, dos primeiros que lembra ter escrito un texto que xa lle chamara á atención ao Pai Simón Busnadiego, o seu  profesor de Literatura Española co que segue tendo contacto a través das redes.    



O paso polo colexio: 

A creación e os comezos do noso colexio en Marín estivo marcada por un modelo e tipo de educación ben diferente á que se lle deu cabida nas últimas décadas no San Narciso neses cen anos de docencia. Aquela era unha educación tradicional e confesional. Logo o Franquismo tamén marcou unha gran parte da nosa traxectoria como centro de ensino cristiá co seu internado masculino.  Isto non impide que teñamos figuras educativas en todo este tempo que tentaron un cambio e un tipo de educación distinta, profundamente humanista e sensible, aberta a cambios, aqueles cambios que a volta da democracia trouxo e asentou.  Percibías ti iso como alumna do noso centro ao final dos anos 80?   Arantza afirmou que as cousas daquela eran distintas á actualidade, que evidentemente foi dalgún xeito consciente dos cambios que se estaban dando.  

 Ante a pregunta que destacarías do teu paso polo colexio? Foi sobre todo a amizade que mantén cun grupo de amigas coas que segue tendo algo máis que un contacto fluido, o típico de quedar a comer unha vez ao ano. Hai algo máis e souberon manter ese contacto tan intenso que naceu cando eran mozas, algo de gran valor para a autora. Sindi lembrou en voz alta varias anécdotas daqueles tempos e agradeceu que se lle invitase a participar e lembrar xunto con Arantza ese paso polo San Narciso. 

Confesou que o libro que máis tiña que ver coa súa experiencia nas aulas do San Narciso ( salvando as distancias, claro está) é precisamente a súa primeira novela Sobrevivindo . lembro tamén aos qu eforan os seu sprofes Manolo de Ciencias,  M.Carmen de Historia, O Pai Ángel o director e como non ao seu profesor de Galego, Tilves.


A vivencia da literatura: 

 A seguir analizamos cal é a súa débeda coa literatura.  Afirmou con contundencia que en ocasións a literatura te salva. Ademais insistiu en que ela escribía para divertir, para que a xente o pase ben, co que pasamos a falar da súa obra.  Son moitos os títulos da súa autoría que se acumulan en librarías e bibliotecas desde aquela primeira e curiosa novela: Deixe a súa mensaxe despois do sinal (2017) que foi logo traducida ao español, ao italiano, ao alemán ao hebreo…  

 E falando de linguas fixemos tamén unha reflexión sobre as linguas nas que escribe. Habitualmente faino en galego , a non ser que sexa xa un encargo directo para unha editrial en castelán.  Á  pregunta: A lingua na que unha autora crea é sempre un factor de identidade, como vives ti ese compromiso co galego?    Cal é a pertinencia do noso idioma na túa traxectoria literaria?  Ela respostou cunha defensa grande da nosa lingua, na que se sinte cómoda e na que escribe habitualmente. Fixo ademais unha puntualización moi interesante como é que a lectura dunha das súas novelas en galego é realmente distinta que a que se pode facer en castelán, ainda que a trama sexa a mesma, a calidade das e dos personaxes non se recibe igual por parte de quen le o texto, hai peronaxes que soan ben distintos, se os oes falar en galego. 

  Hai novelas que te atrapan desde a primeira palabra… A beleza é vermella coma unha cunca de cereixas… así comeza  Beleza Vermella a primeira dunha gran saga policíaca que segue a ser, como confesou ela a novela máis vendida.  Falamos  a continuación  do  feminismo, unha impronta do noso tempo. Foi un momento no que interpelou ao alumnado presente dicindo: Hai realmente aquí alguén que estea en contra da reivindicación da igualdade?.

Abordamos logo as claves ou características que fan de Arantxa unha voz recoñecible como autora no panorama actual da literatura. Insistiu que na súa escrita había realidade e diversión na intriga por saber quen foi o asasino.  Falamos da nova saga que ela situa en Loira (na novela aparece como Loeira). 

Houbo finalmente unha chea de preguntas que alumnos e alumnas quixeron facerlle e tras a entrega dun ramo de flores puideron tamén achegarse ao seu caron para que lles asinase os seus libros, libros que como curiosidade dependendo do titulo foron asinados con cores de bolígrafo diferentes, por exemplo os Beleza Vermella ían na cor do sangue. 


Lembramos, xa en privado,  á vez que asinaba libros, que o pasado día 28 de marzo acompañaba en Marín na presentación do seu libro Comerás flores á autora marinense Lucía Sobral, unha promesa do interesante panorama literario actual en Marín, en Galicia…







sábado, 14 de marzo de 2026


Espectacular encontro literario en Marín 

xoves, 5 de febreiro de 2026

ENCONTRO COA AUTORA : NOELA RIVAS


Este venres 6 de febreiro terá lugar un novo Encontro coa autora Noela Rivas no Sei San Narciso de Marín 

mércores, 21 de xaneiro de 2026

Raquel Catalán, exalumna do Sei San Narciso presenta Anaquiños


Anaquiños é unha fiestra á miña mente, comenta a autora na contraportada do seu libro, un reflexo de inquedanzas, sentimentos e reflexións que precisaban ser "materializados".  
Unha novela epistolar tecida a través de pequenas cartas dirixidas a entes subxectivos co fin de. lembrar os seus postos na humanidade. 

Desde este blog da Biblioteca recomendamos acudir a dita presentación na que ademais da autora vai acompañar o profesor do noso centro Héctor Silveiro.  

Deixamos a seguir unha breve reportaxe fotográfica do evento:








venres, 14 de novembro de 2025

LECTURAS CLANDESTINAS: Un ollo de vidro a nosa primeira lectura

 

Desvelamos que comezamos a andaina na Biblioteca de Primaria entre letras e conversas clandestinas. Presentamos a proposta a quen quixo vir, ante unha chea de confidentes. Como calquera club de lectura escollemos un texto para ler e como disidentes na clandestinidade comprometémosnos cunha reivindicación e unha causa que, polo de agora, non desvelaremos.  

sábado, 25 de outubro de 2025

FUNDAMOS UNHA BIBLIOTECA CLANDESTINA ?

 De origo, lectura e interpretación, memoria e impulso, 

luctor et emergo, defensa e inicio, clamor et libertas, 

semente e primavera, reflexión e revolta, 

clandestinidade e pensamento.


UNHA BIBLIOTECA CLANDESTINA

Se cadra é necesario fundarmos unha biblioteca clandestina para aprender de novo a valorar a importancia de ler en profundidade.  Non cabe a máis mínima dúbida de que, tras comezar este curso con alegatos obscenos a non darlle transcendencia á lectura, non deixa de ser necesario seguir insistindo na revolución persoal e colectiva que supón abrir un libro, para saborealo ou para aborrecelo, para mirármonos no espello que é a literatura, para agasallármonos cunha oportunidade para seguir soñando e construíndo utopías e, como diría Lorca, para impedir que morra a esperanza. Pan e libros. Que distinto a aquilo de "pan e circo", ou a esoutro de estadios e balón e máis balón!  


A CLANDESTINIDADE, O SENTIDIÑO E A CRÍTICA

Afastarse do abismo e da comodidade das maiorías  que mirando só as pantallas dos móbiles en rabaños son arrastrados ineludiblemente coma se dunha  DANA se tratase, cara ao conformismo apático e egoísta. Convértese pois nun exercicio necesario e paciente para tomar alento, respirar profundo e con sentidiño incorporarse, paseniño e sen volta atrás, á crítica, desprenderse do gris da uniformidade e a globalización impúdica, para apostar pola diversidade clandestina que berra en cada recuncho do universo mundo a favor da humanidade que está ferida polo máis cruel e despiadado necrocapitalismo no que vivimos indolentes as máis das veces. Que pouco sentido, que ausencia de empatía!  Si, debemos reaccionar se non queremos chegar tarde a estación nesta ocasión. A crítica é a arma pacífica das letras e da palabra contra o abuso do poder,  o clamor da crítica é esencial para educación e a viaxe da vida. Sexa tan só por evidenciar que a esperanza dun mundo mellor aínda existe, que reclama a nosa atención e o noso compromiso.

 

A DEBATE

Logo da confabulación manifesta do poder co odio vén a hipocrasía que proclama a neutralidade ideolóxica ante as cámaras da indecencia. Redimirse da corrupción da educación é un imperativo para docentes e alumnado,  tamén para as familias e a sociedade civil. A educación está en cuestión ao pretender introducir a caducidade do espírito crítico. Non todas as opinións son respectables, pero si que son todas cuestionables. Entender isto resulta vital para avanzar co progreso confidente da humanidade cara ao inexcusable deber da felicidade.


A MODO DE BIBLIOGRAFÍA DA OPINIÓN AO USO,
ou apuntamentos para este curso...

 neutralidade ideolóxica 

nun día das bibliotecas

Yolanda Castaño, cando deixo de ser flor, molesto

RAE: xenocidio

Ursula K. Le Guin

outro día das bibliotecas 

centenario

200 aniversario do autor Carlos Collodi, As aventuras de Pinocchio

xoves, 26 de xuño de 2025

RECOMENDAMOS PARA O VERÁN

 Propoñemos unha chea de lecturas de interese: 


A Vexetariana, a obra máis coñecida e aplaudida da premio Nóbel de Literatura do 2025, a surcoreana Han Kang editada en galego no ano 2022.

 Tras do ceo,  obra do Premio Nacional das Letras 2024 Manuel Rivas unha aposta narrativa tremendamente actual. 


 UBASUTE da nosa Premio Nacional de Literatura Dramática:


La historia del movimiento obrero de las hormigas, de Juan Carlos Mestre, unha das voces poéticas máis recoñecidas desde que no ano 1986 gaña o Premio Adonais de Poesía un dos máis prestixiosos do Estado Español.


BOSQUE, un libro de poesía en galego de Antón Blanco Casás que acaba de saír do prelo.  




mércores, 28 de maio de 2025

ano 2040




   Está matando a humanidade?

mércores, 7 de maio de 2025

De cara a un 17 de maio de cantareiras e pandeiretas.


 Achégase o 17 de maio e imos ter moito que dicir sobre a nosa tradición oral que se cadra está nun momento de vitalidade espléndido. Para comezar coa reflexión invitamos a ler o texto de Antón Santamarina  unha voz necesaria á hora de falar das Letras deste ano 2025 

Imos logo a coñecer a argumentación máis oficial que realizou para a Academia Galega Ana Boullón Agrelo

venres, 25 de abril de 2025

porque as palabras nos libros están quietas

 Houbo unha vez unha meniña que se atopou con Eduardo Galeano, un escritor recoñecido, pero que ela non sabía que é o que era. A nena coa ousadía propia da inocencia que caracteriza á infancia preguntou:

- E ti que fas?

- Eu, escribo libros - respondeu o autor.

- Sabe, a min non me gustan os libros. 

- Ah!...- algo amolado e desconcertado na procura dunha resposta axeitada que non tivo tempo a darlle porque a rapaciña falou de novo.

- Nos libros as palabras están quedas, prefiro as cancións porque nas cancións as palabras voan. 

 


sábado, 25 de xaneiro de 2025

Creacións de novembro

 


 A partir desta imaxe o alumnado de 2º da ESO realizou unha serie de textos a modo de concurso. Gañaron esta experiencia creativa DA IMAXE AO TEXTO  entro outros os seguintes relatos:

2º ESO A

 De súpeto unha forte racha de vento arruinoulle o recollido nun moño que tanto tempo lle levara facer. Riu, e pensou que aquilo era un último chisco de Tucho, unha última trasnada dende o Outro Lado. Xela sorriu, xirouse e marchou para casa despeluxada, sentindo que levaba consigo a Tucho, unha homenaxe aos que marcharon, pero seguen presentes no eco das tradicións e as lembranzas que nunca morren…

Chovía con intensidade e o vento frío cheiraba a terra húmida que ascendía dende o campo santo. De pé, baixo un paraugas negro, Xela observaba a lápida do seu antiguo marido, Tucho, cunha mestura de burla e nostalxia.

Sostiña un ramiño de flores que recollera polo camiño, sinxelo pero cargado de significado.

Xela deuse conta de que había un papel na lápida, un sorriso irónico apareceu no seu rostro. “Estou en San Andrés de Teixido” Dicía, facendo referencia á promesa que non cumpriu en vida, visitar o santuario sagrado. Xela murmurou, case cun ton de reproche afectuoso:

-Pois dende logo, Tucho… Non sei como aínda soportas tantas romarías, mesmo estando morto…

 Relato de Cloe Sampedro Carpintero.


LOLA E TUCHO

O día de defuntos, Loliña acudiu ao cemiterio para visitar á súa familia e amigos alí enterrados.

Chegou cedo. Antes de visitar ao seu defunto marido, visitou outros panteóns e saudou a todos os veciños e persoas coñecidas que estaban alí tamén para visitar aos seus seres queridos.

Todos lle dicían o mesmo, “tes unha sorpresa de Tuchiño”, pero Loliña nos lles fixo moito caso e seguiu andando.

Despois de facer o percorrido chegou á tumba de Tuchiño. Cal foi a súa sorpresa cando atopou enriba de súa lápida unha nota que dicía "Estou en San Andrés de Teixido"

-Dende logo Tuchiño...Non sei como aínda tes corda para agantar tanta romaría!- dixo Loliña, mentres amañaba as flores que collera no seu xardín.

Pouco a pouco foron chegando ao cemiterio o resto de familiares que quedaron abraiados ao ver a nota.

-Mamá, papá é tremendo! Non cambia máis!. Sen dúbida, segue a sorprendernos ainda de morto!-exclamou a súa filla Eva.

-O teu pai é do que non hai!- retrousou Loliña, que coñecía moi ben a Tuchiño e sabía que esas cousas eran moi típicas del.

- Xa sabía eu que non ía quedar sen ir a San Andrés!- exclamou a tía Carme. -Xa o di o refrán: "A San Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo". Sempre lamentou non ir e agora quere que todos saibamos que cumpriu o seu desexo- engadiu Carme mentres comprobaba se todo estaba arranxado no panteón.

Despois de falar toda a tarde con moita xente, cando xa caía a noitiña, todos xuntos regresaron á aldea para celebrar, coma todos os anos, a cea de defuntos.

Unha vez na casa, as mulleres foron para a cociña onde coceron na cociña de ferro o bacallau con coliflor , tamén coceron castañas con anís, asaron as mazás que logo serviron nunha cunca de viño e puxeron a mesa decorada con bolboretas de defuntos (unha especie de vela con base de cortiza que poñían sobre aceite para que flotara e prendía toda a noite).

Mentres tanto, os homes agardaron no comedor falando e bebendo viño e caña de herbas da casa.

A cea foi moi divertida porque non paraban de rir pensando en Tuchiño e todos os seus trucos. Lembráronse tamén de todos os seres queridos que xa non estaban alí e contaron historias pasadas ata ven entrada a noite.

Despois da cea, como era costume, deixaron a mesa sen recoller para que as ánimas puidesen vir de noite a cear.

Deitáronse todos e á mañá seguinte non o podían crer. Quedaron abraiados cando atoparon na mesa unha nota de Tuchiño que dicía: "Moitas grazas pola cea, todo estaba moi bo".

Relato de Iago Tristán Aldao


Apagou o lume da fogueira ben tarde, deixou as candeas prendidas na xanela e un pouco pan de centeo cunha cunca de viño tinto enriba da mesa, por se el viñera. Foi na véspera do día 1 de novembro (día de Todos os Santos) e aínda así pola mañá ergueuse cedo. Despois de almorzar e botar o gando fora a pastar, Paca aproveitou para coller unhas cantas flores no eixido e facer un ramiño para levarlle o cemiterio.

Xa había máis dun ano que morrera o seu home, pero seguíao botando moito de menos. O Tucho era un labrego dos de antes, traballaba moito pero tamén era garuleiro e coma non tiveron fillos agora Paca estaba soa e tiña que facelo todo ela.

Recorreu o camiño ata o sepulcro nada máis abrir o día para non atopar moita xente, porque xa se sabe que nese día no cemiterio xuntábanse tantas visitas que aquilo xa parecía unha verbena. Deixoulle o ramo por riba daquela lápida, coa inscrición gravada que el mesmo mandara facer para cando xa non estivera: “ Estou no Santo André de Teixido”.

Pechou os ollos e tivo que rir para sí : “ Dende logo Tuchiño, non sei coma aínda tes corpo para tanta romaría”, pensou. Porque era así, traballar cando había que traballar pero despois non deixaba de ir ás festas todas a cantas puidera. Recordou cando foran por primeira vez, a Serra da Capelada, preto de Ferrol, na provincia da Coruña, a carón do mar. Onde se escoitaba o vento e as ondas bater contra as rochas, preto daqueles cantís. Cando beberon da “ Fonte dos tres cantos” e pediron os seus desexos.

Como dín: «A San Andrés de Teixido vai de morto o que non foi de vivo» Pero Tucho, sempre, sempre, ía repetir.

Relato de Mateo Alonso Novas


2º ESO B

Era a véspera de defuntos. A señora Carmucha ía visitar o cemiterio por primeira vez dende que morrera o seu querido Tucho.

Como xa fixera anteriormente cos seus pais, uns días antes do día de defuntos ían limpar o nicho, poñerlle flores e unha candea para recordar ao seu esposo que falecera recentemente atragoado cunha noz o día do seu aniversario. Tucho era un bo home, cariñoso pero algo testán. Gustáballe moito as romarías e alá ía con Carmucha a botar uns bailes, comer empanadas e comprar unhas roscas. Antes de morrer Tucho sempre lle dicía a Carmucha:

-Carmucha, hai unha romaría á que non podemos deixar de ir, Santo Andrés de Teixido. Xa sabes o que di o refrán “A Santo Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo”.

Carmucha, camiño do cemiterio, tiña isto moi presente, quería facer realidade o seu desexo pero a súa morte tan repentina truncou os seus plans. Alá ía ela co seu ramiño de flores, uns crisantemos brancos, que tanto lle gustaban ao seu Tucho.

O cemiterio estaba adobiado, preparado para o seu día  grande, pero o tempo non acompañaba, a chuvia caía como bágoas das persoas que botaban de menos a algún dos seus familiares máis queridos. A tumba de Tucho quedaba lonxe da porta e Carmucha mentres ía contemplando as tumbas de moitos dos seus coñecidos e familiares. Cal foi a súa sorpresa ao chegar á tumba do seu home. Nela había unha nota que dicía:

- “Estou no Santo Andrés de Teixido”, asinado Tucho.

Carmucha, non o podía crer! E rosmando, para que ninguén a puidese escoitar, dixo:

- Dende logo Tuchiño... Non sei como aínda tes corpo para aguantar tanta romaría!

Así foi como Carmucha soubo que Tucho cumprira a súa promesa de ir ao Santo André de Teixido. Foi de morto, xa que non foi de vivo!

 Relato de Mariña Otero Novas



Abro os ollos e noto que algo non está ben, síntome nun soño, sinto que “eu” non son “eu”. Nótome alongado, pegañento e escurridizo.

Estou morto, ou iso creo.

Non me queixo pois sería unha parvada, pensó que non ten sentido algún, é como queixarse por nacer, ninguén o elixe, iso está en mans doutro.

Co que non estou conforme é con que fixen de vivo, non pensedes q fixe nada do outro mundo, non gañei ningún prermio Nobel, non matéi a ninguén nin tampoco batín ningún recor mundial.

O neu problema foi non facer a viaxe máis importante da miña ”vida” ou “1º vida” ou “vida de vivo”, xa non sei como chamarlle.

Peregrinei á Catedral de Santiago de Compostela, a Covadonga e ata á Meca, curioso, non?

Pois, si todo é moi divertido ata que morres e daste de conta de que non fuches a Santo Andre de Teixido.

“A Santo Andre de Teixido vai de morto quen non foi de vivo” pois efectivamente, o que decía a niña nai era certo.

E… e… vai de bicho, iso explica estas novas sensación que están a percorrer o meu corpo.

Alongado, pegañento e escurridizo, son un verme, unha asquerosa e desdichada lombriga q ten que arrastrarse ata Cedeira.

Cando emprenderei o meu viaxe? Como vou saber o camino?

O camino ao máis alá, o camino, a viaxe, o camiñar e o camiñante, todo iso son trolas, non hai camiñar nin camiñante.

Decido que pensar non é o adecuado nesta situación e comenzó o principio deste fin. Despois dunhas horas arrastrándome doume conta de que so levo un par de metros, non vou acabar na vida, ja, ja, vida.

Un puff semellante a unha palmada de talco, uns según en negro e volvo a abrir os ollos. Novas sensaciónsinvadenme, todo pasa rápido e eu síntometan animado como nunca.

Observo a niña nariz e instantáneamente doume conta de que son un coello, alzo a vista e vexoa un gorrión masticar (masticarme).

Saltos, saltos e máis saltos, situaciones preto da norte, unas semanas e chegoa Agrochaíl. Terra de estensos e verdes montes.

Paro un día enteiro a descansar, e descubro que saltar cansa o doble que camiñar.

Por fín chego a Teixido, ao fín, acaba o largo camino, pero non sei que facer aquí, non sei que ten que pasar.

Eu pensaba que unha forza superior ia a absorverme maxicamente, pero non é así, posto que teño as zarpas pegadas ao chan.

Quero marchar, tantas semanas perdidas para chegar aquí, coa idea de ser feliz por completo, tantas horas en soidade, soñando co ceo, co xardín das maravillas. Agora xa non queda nada, un montón de pedras, mar e grandes cantidades de esperanza olvidadas.

E porfín, so porfín, entendo todo, entendo o mundo e a xente que o habita, e sobre todo, e máis importante, entendome a min mesmo.

Nada na vida é seguro excepto a morte. Se ti tes a oportunidade de xogar este xogo chamado vida, é moi importante q aprecies cada momento.

Moita xente non aprecia os seus momentos ata que pasan.

Relato de Ángela Barreiro Moldes

 

                                                        LEMBRANDO A  TUCHO

Lembro moi ben as cores do luscofusco daquela tarde na que saín pasear co meu home. Cando pasamos pola leira, comezamos a escoitar o que eu penso que era un paxaro de voz lúgubre mais non o podo afirmar, xa que non o puiden ver.

- É o paxaro da morte, ven avisarnos Mucha.

- Non digas parvadas home! Seguro que só é un paxaro grallando. 

Seguimos camiñando coma se non pasara nada.

Uns días despois, ao levantarme da cama pola mañá dinme conta de que Tucho estaba morto. Non o podía crer, sería verdade a historia do paxaro? Dende ese acontecemento comecei a pesquisar sobre a morte e demais significados. Dende entón pasaron dous anos.                                                                    

Hoxe, 1 de novembro, levanteime da cama e baixei á horta a apañar unhas flores e levarllas ata o cemiterio. De camiño alí comecei a pensar nel, pode que fose un langrán e un chapón, pero era o meu langrán e o meu chapón. Lémbrome del todos os días. Aínda que discutiamos acotío, queríao moito. Levábamos xuntos 50 anos.

O cemiterio estaba baleiro cando cheguei. Camiñei en silencio ata a súa lápida e deixelle as flores enriba da tomba, e cando levantei a vista… Non o podía crer! O festeiro de Tucho nin morto descansa. Non quere ver aos Satélites pero sí ir de romaría.

É verdade que nunca tiñamos ido á romaría de Santo Andrés de Teixido, e iso que Tucho sempre quixo ir alí. Achegueime á lápida, petei, e dixen o seu nome.

Xa que estaba neste mundo agora, non quería que se quedara vagando para sempre nel. Pola noite, meus fillos viñeron cear a casa, facía tempo que non estabamos os tres xuntos. Deixei unha cadeira para o meu marido e repartinlle a él tamén o bacallau e a coliflor. Esperaba que aínda lle quedaran forzas despois de tanta romaría. Xa era tarde, meus fillos fóronse e eu quedei soa na cociña. Botei auga nun vaso e quedei parada na porta mirando o prato de bacallau e coliflor e a cadeira na que Tuchiño debería estar.

Despois, mirei unha foto familiar de hai vinte anos, unha bágoa esvarou pola miña meixela ata chegar ao pescozo e apaguei a luz cun sonriso na cara. Sabía que aínda que no o vía, el estaba ao meu carón, coma sempre.

Relato de Valeria Osorio Gutiérrez


PROMESA CUMPRIDA

Tucho era un home que non cría en supostas parvadas de tradicións, relixión ou crenzas. A muller de Tucho enfermara de cancro e este, baixo as recomendacións da xente, ofreceuse a escoitar unha misiña aló no Santo Andrés de Teixido pola curación de Maruxa.

Pasou o tempo, dous anos, e ela sandou.

Pasaron os anos, e sete anos despois, Maruxa morreu por causas naturais. E, dende ese momento, Tucho comezou a enfermar: que se gripe, un catarro, un arrefriado... Nada, que non levantaba cabeza entre unha e outra. Os médicos dicíanlle que non era nada, pero el sabía que sí, que algo tiña que ser. Aquilo non era normal.

Unha noite, unha idea esquecida aloxouse na súa mente: “Será  San Andrés pola promesa ao Santo Andrés de Teixido?” Pensou. “Non. Que parvada!”

Tucho sentíase mal, coma se cargase unha mochila chea de pedras nas costas. E non sabía como quitalo de enriba. A idea da visita ao Santo André de Teixido bulía na súa cabeciña e, Tucho, seguía sen cumplila.

Unha noite, finou. Espertou nunha sá toda branca, e  puido escoitar unha voz doce que lle dixo: “Vai de morto quen non foi de vivo!” Nun pestanexo apareceu na súa casa, vivo, pero non era todo exactamente coma antes. Volvera, sí, pero coa forma de lagarto.

- “Ai, meu Deus, que son un lagarto!! Pois ir a Santo Andrés así non é pouca cousa” Pensou.

Púxose a andar, día tras día, sen parar ata chegar ao cabo do mundo.

Xa chegara á Serra da Capelada cando alcanzou a unha chea de humanos. Unha muller case o pisa e el berrou: “Ei, ti, non me pises”

Aquela muller baixouse e ollou para el coma se intentase descubrir quen era. Así que,  Tucho, comezou a falarlle tranquilamente e a contarlle a súa historia.

Aquela muller, Uxía, meteuno nun peto e baixouno ao chegar á igrexa de Santo Andrés.

Tucho ficoulle moi agradecido e agardou escondido no retablo maior onde escoitou a misa prometida. Así, ao rematar a misa coa beizón, Tucho, desapareceu.

Relato de Sabela Argibay Dopazo

martes, 10 de decembro de 2024

O NARCISO DE GRADA KILOMBA

O MITO DE NARCISO NA PROCURA DUNHA VERDADE INCÓMODA DESTE MUNDO

 Mais tendemos a esquecer do que xa sabemos...

                                                             ...branca non é a ausencia de cor...

Grazas a magnífica artista Grada Kilomba 

Quen é GRADA KILOMBA?

 


xoves, 14 de novembro de 2024

UNHA ENTRADA NO IDIOMA IRMAO, O PORTUGUÉS

 


Recomendamos fervorosamente de cando en cando a lectura en idiomas próximos como para nós resulta o portugués. Nesa lingua danse sucesos fermosos na literatura, como ocorre por outra parte en todas as literaturas. Pero ao estar tan próxima resulta moi interesante saborear unha boa colleita na que apreciar esa proximidade e simpatía que garda co noso á vez de manter distancias cargadas de suxestións e sorpresa. 

Recomendamos pois un texto breve de Inês Espada Nobre, xa me dirán:

A vida que (não) vivemos.

xoves, 7 de novembro de 2024

Unha boa nova para as Letras Galegas

 


Manuel Rivas PREMIO NACIONAL DAS LETRAS 2024 pola súa traxectoria como autor literario e xornalístico. 



xoves, 24 de outubro de 2024

Nun día das bibliotecas e no día contra cambio climático do planeta

NO DÍA INTERNACIONAL CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO


 Tamén  NO DÍA DAS  BIBLIOTECAS...


UN SIMPLE MICROPOEMA  


Sobe a temperatura do planeta

un síntoma máis do quecemento que chega ata as bibliotecas,

 ou será ao revés?


xoves, 10 de outubro de 2024

PREMIO NÓBEL DE LITERATURA 2024: HAN KANG

 Acabamos de saber quen é a nova Premio Nóbel de Literatura. Han Kang é unha autora surcoreana que resulta ser a decimooctava muller en recibir este galardón. Unha das súas novelas máis coñecidas é a titulada A vexetariana editada en 2022 ao galego pola editorial Rinoceronte



xoves, 3 de outubro de 2024

300 cantigas populares galegas e o romance de Don Gaiferos

 

Foto dun cego tocando a zanfona

As redes vanse preparado para a celebración no 2025 das LETRAS GALEGAS dedicadas ás pandeireteiras é por iso que imos tamén nós inaugurando unha sección nova neste blog que leve por título LITERATURA DE TRADICIÓN ORAL que estreamos con 300 cantigas populares en galego ao que engadimos nós un Romance e unha homenaxe tamén particular á figura de Faustino Santalices. 

Pandereiteiras de Mens

No blog 300 cántigas populares en galego de Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel podedes consultar cantigas tan populares como O Rodaballo ou Xa fun a Marín. Días despois da morte de Josefa de Bastavales


O ROMANCE DE DON GAIFEROS DE MORMALTÁN

O Romance de Don Gaiferos de Mormaltán, un antigo romance conservado por tradición oral e recollido no século XX por Faustino Santalices, quen recuperou tamén o instrumento medieval da zanfona.

 


Onde vai aquil romeiro,

meu romeiro a onde irá?

camiño de Compostela,

non sei se alí chegará.

 

Os pés leva cheos de sangue,

xa non pode máis andar.

Malpocado, pobre vello, 

non sei se alí chegará.

  

Ten longas e brancas barbas,

ollos de doce mirar.

 Ollos gazos, leonados,

verdes coma a auga do mar.


 E a onde ides, meu romeiro?

Onde queredes chegar?

Camiño de Compostela,

onde teño o meu fogar.

  

 Compostela é miña terra,

deixeina sete anos hai.

Reluciente en sete soles,

brillante como un altar.

 

 Cóllase a min, meu velliño,

 vamos xuntos camiñar.

Eu son trobeiro das trobas

da Virxen de Bonaval.                 

 

I eu chámome Don Gaiferos,

Gaiferos de Mormaltán.

Se agora non teño forzas

meu Santiago mas dará.

 

 Chegaron a Compostela

e foron á Catedral.

Ai, desta maneira falou

Gaiferos de Mormaltán.

 

Gracias, meu señor Santiago, 

aos vosos pés me tes xa.

 Si queres tirarme a vida

pódesma señor tirar,

 porque morrerei contento

nesta santa catedral.

 

E o vello das brancas barbas

 caíu tendido no chan,

pechou os seus ollos verdes,

verdes coma a auga do mar.

 

O obispo que esto viu

alí o mandou enterrar.

E así morreu, meus señores,

Gaiferos de Mormaltán.

 

 Iste é un dos moitos milagres

que Santiago Apóstol fai.

 

 

 Segundo se ten investigado o personaxe de Don Gaiferos puido ser en realidade o Duque de Aquitania, Guillerme X que peregrinou a Santiago e morreu ao chegar a Compostela na catedral.