"Só cantos de
independencia e liberdade balbuciron os meus beizos aínda que ao meu redor
sentirá dende o berce xa, o ruido das cadeas que debían aprisionarme para
sempre, porque o patrimonio da muller son as cadeas da escravitude.
Eu, sen embargo, son
libre, libre como os paxaros, como as brisas, como os árabes no deserto e o
pirata no mar. Libre é o meu corazón, libre a miña alma, e libre o meu
pensamento que se ergue ata o ceo, e descende ata a terra, soberbio como
Luzbel, e doce como unha esperanza.
Cando os señores da terra
me ameazan cunha mirada, ou queren lixar a miña fronte cunha mancha de oprobio,
eu ríome coma eles rin, e fago, en apariencia, a miña iniquidade máis grande
que a súa iniquidade. No fondo, non obstante, o meu corazón é bo, pero non
acato os mandatos dos meus iguais e creo que a súa feitura é igual a miña
feitura, e que a súa carne é igual a miña carne.
Eu son libre. Nada pode
conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino”
Cando penso que te fuches
negra sombra que me asombras,
ó pe dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino que es ida
no mesmo sol te me amostras
i eres a estrela que brila
i eres o vento que zoa.
Si cantan, es ti que cantas
si choran, es ti que choras
i es o marmurio do río
i es a noite, i es a aurora.
En todo estás e ti es todo
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario