mércores, 21 de xuño de 2023

Tres marabillas para rematar o curso: O raio verde e a flor da auga no solsticio e a serea mariña.

 Unha marabila máis que podemos observar  no noso país con especial sentimento e emoción. Temos máis de 1000 quilómetros de costa para ver ese derradeiro raio de liz, o raio verde no solpor deste día máxico do Solsticio. E se Galicia é a terra dos mil ríos, son varios os milleiros de fontes que agroman por calquera parta para ir na procura das correntes maiores, regatos e ríos, mesmo do mar nas  nosas rías. Pois ben nas fontes no albor do día de hoxe podemos ver a flor da auga esa flor que nace xusto cando se ilumina cos primeiros raios do sol que nace máis forte na auga na fonte,  nas centos de fontes da nosa terra. 


Ambas están presentes na nosa literatura popular na nosa tradición oral... Outramente na nosa tradición e no escudo dos Mariño, hai unha serea. A serea Mariña foi capturada polo señor do pazo dos Goiáns seica nunha praia de Sálvora á quen pertencía esta illa. Aquela criatura con rabo de peixe foi levada a torre do pazo que este señor tiña en Boiro e disque a serea non falaba, permanecía muda. O señor Froilaz coidaba dela e conversaba, cantáballe e conversaba con ela con todo tipo de atencións e detalles aínda que da fermosa serea á que lle puxo o nome de Mariña non saíse palabra ningunha. Co tempo aquela serea comezou a sentir afecto por aquel home que notábaselle que estaba namorado perdidamente dela. Disque as sereas perden a cola de peixe e nácenlle as pernas cando namoran e así se entende que Mariña e maís o señor do pazo acabasne por casar e ter un fillo con ela. Mais Mariña, a pesar de ser feliz e saír da torre a pasear leda co seu filliño polos xardíns do pazo non dicía ren. 

Viña o tempo do solsticio e no pazo a servidume preparou unha cacharela para celebrar o San Xoán e os señores do pazo asistiron ao ritual alegre. Cando a fogueira ardía con furor o señor do pazo  pediulle o meniño a súa esposa Mariña que ata ese momento permanecera no seu colo e unha vez que estivo nos seus brazos o señor Froilaz finxiu que ía arroxar ao neno ao lume. tanta impresión causou aquela imprevista decisión do seu home que berrou de contado: Ai, meu fillo querido!!! E dende aquela, despois do susto e de perdoar ao seu home xa nunca máis deixou de falar e mesmo cantar como disque adoitan facer tan ben as sereas. 

Ningún comentario: