venres, 14 de febreiro de 2014

Segunda sesión do CLUB DE LECTURA

II Xornada do club de lectura. Xoves 13 de febreiro de 2014. Colexio San Narciso de Marín.

Outra mirada é posible!

Desde a biblioteca do noso cole continuamos co relato A loba pertencente á obra de Xabier P. Docampo, Cando petan na porta pola noite.

A loba introdúceo un narrador en primeira persoa que refire unha historia que o seu pai coñeceu había case trinta anos, cando viaxaba como arrieiro e tratante de bestas. A este, durante unhas das andainas polos camiños, fíxoselle de noite e non tería problema para continuar se non fose pola nevarada que estaba a caer. Viuse obrigado a desviarse da rota ata perderse. De novo é unha luz a que serve de marcador o horizonte para continuar (como ben sabemos xa aparece este concepto no primeiro dos relatos na xornada anterior titulado O espello do viaxeiro). Unha casa ao lonxe servíu de acubillo para el e o animal que o acompañaba. A familia que a rexentaba ofreceulle calor e alimento. O ouveo dun lobo ao lonxe tíraos da conversa facendo que a vella da casa relate unha historia, a historia da Isaura.
Con todo o esquema que estamos a seguir é o seguinte:

   A historia de Isaura (referiada pola vella)
 

     O pai do narrador principal (sabemos del polos diálogos da historia que el mesmo 
      lle conta ao recordar trinta anos antes)

 

   Narrador principal introdutor do discurso nun tempo externo ao tempo da historia.

 
 
Esta historia ten que ver cunha familia de boa casa en Gallado. O patriarca, viúvo, tiña un fillo “casado na casa” que levaba o peso da facenda coa colleita do trigo e centeo. Este matrimonio tiña só un fillo, Silvestre, un zapazote guapo e falangueiro que era o “ollo dereito” do avó, o cal colmaba de cartos e atencións. Tanto é así que tras deixar os estudos pasaba os días cazando ou dilapidando a facenda en tabernas e mulleres de mala vida.  A súa andaina levouno a Gallado. Unha noite pediu acubillo na casa dos Reboldás, unha familia humilde e traballadora que tiña tres fillas. A máis xeitosa chamábase Isaura e converteuse no capricho de Silvestre. Meses despois a rapaza quedou en estado, en canto o mozo o soubo prometeulle casar. Un día levouna á Coruña e no mesmo día regresaron. O silvestre prometíase tempo despois con outra moza sumindo a Isaura na mágoa máis profunda. O día da voda Isaura presentouse espetarlle  a Silvestre que lle debía un fillo (outra vez a maldición – condea dos relatos anteriores). Esa noite Isaura aparecería aforcada para logo converterse na xefa dunha manda de lobos terribles que ameazaban a todo o mundo. Silvestres e os seus sairan por veces a abatilos sen éxito. O matrimonio tivera un fillo nesas datas. Unha noite de batida “a grande loba” apareceu na casa e arrebatoulles o rapaciño levándoo a un palleiro onde deron con ela. Prendéronlle lume sen saber que dentro estaba o neno. Cando se decataron, Silvestre entrou a rescatalo pero morreron os tres: a loba, Silvestre e o neno que lle debía.

Este relato fainos lembrar as lendas do Lobishome que forman parte dos contidos de lingua galega e literatura nos primeiros anos do noso currículo. Estas fan referencia á crenza popular de que un individuo por mor dunha maldición e por ser o sétimo ou noveno fillo nado dun matrimonio con descendencia de varóns ou mulleres poden nacer coa “fada” de sufrir unha transformación en lobo ás noites, esta metamorfose dáse ao cumprir unha determinada idade, para que isto non ocorra o fillo afectado pola fada debe ser apadriñado polo irmá ou irmán maior. 
Tivemos un “contador” de luxo, un alumno de 1º da ESO B, Daniel Santos Costas. Este compañeiro relatounos que o seu pai é amigo do fillo do naturalista e carismático Félix Rodríguez de La Fuente, que nos abandonou hai trinta anos e co que aprendemos a convivir coa natureza co seu exitoso e influínte documental El hombre y la Tierra. Este amigo posúe unha fermosa casa nas montañas de Burgos, ampla e marabillosa, pero o que chamou a atención de Daniel nunha das súas visitas foi a presencia do lobo nas estancias en figuras desecadas. Daniel resalta que na paz da noite, aló ao lonxe aínda se deixa oír o ouveo do lobo.
Se facemos unha reflexión, pouco contribuíu o home ao longo do que chamamos progreso en concienciar ás xeracións sobre ecoloxía e conservación do medio. Galicia non contou cun movemento que defendera a natureza do autóctono e con iso perdemos a presencia do lobo no noso territorio. O home perfeccionou e embelleceu o contorno para ás necesidades ditadas pola modernidade a cambio dun alto prezo, a cultura natural, biolóxica e comunitaria.
Mentres se oïa un ouveo e se escriban relatos coma este o lobo está a salvo con nós.

O próximo día poremos enriba da mesa o relato O Cumpremortes, (Se é que vos atrevedes). Agardámosvos


Ningún comentario: