I xornada do clube de Lectura xoves 6 de
febreiro de 2014. Colexio San Narciso.
E tanto...
Desde a nosa biblioteca, quince rapaces e
rapazas botamos unha ollada aos dous primeiros relatos dunha obra considerada
polos críticos entre as cen mellores do século XX: CANDO PETAN NA PORTA POLA
NOITE de XABIER P. DOCAMPO.
Cando nenos debecíamos por que nos “contasen un
conto”, por oír as historias que viñan dos beizos dos nosos pais ou avós,
cheas de sabedoría, experiencia e fantasía; todas elas cunha ensinanza. Como
lectores e estudantes da literatura galega valoramos este legado tan noso na
tradición oral do país de “contos a carón do lume da lareira” que tanto
insisten os nosos profesores.
Nesta xornada introducímonos na temática do
terror a man dun contacontos, un narrador en terceira que cede a voz aos
personaxes dun viaxeiro e dun ferreiro no relato titulado O espello do
viaxeiro: nel un viaxeiro achégase, canso dunha longa viaxe, a unha ferrería
rexentada por un home tan semellante a el mesmo que parecía o seu propio
reflexo nun espello, agás por unha eiva na pálpebra esquerda. O ferreiro hospédao.
Cean e quentan o corpo con viño ata o punto que a embriaguez condúce os dous
homes a rifar e ferirse mutuamente. Unha ferida causada no ollo do viaxeiro fai
que teña que quedarse na ferrería máis tempo do razoable ata o punto de
sospeitar que o ferreiro estao retendo. Os días pasan e a agonía medra no
viaxeiro ata converterse nun desexo de vinganza para se liberar asestando
varios golpes ao ferreiromentres durmía. Perpetrado o crimen, decide examinar o
seu ollo vendado mais non atopa espello nin obxecto similar no que mirarse en
toda a ferrería. Cando consegue o debecido obxecto que lle devolva o reflexo do
rostro, abraiase ao contemplar a mesma eiva na pálpebra esquerda que sufría o
ferreiro na súa propia faciana. Non da creto... o curioso da narración é que
este home acabará por asumir, como se dunha condena-maldición se tratase, a
vida do home a quen lla arrebatara.
A reflexión que fixemos no grupo comezan polo
termo “estadea”: ao inicio da naración o viaxeiro ve ao lonxe unha luz que
descoñece de onde provén e descarta que seza a estadea. Na nosa tradición oral,
a Santa Compaña ou a figura do “aparecido”
son moi comúns como trazo arquetípico dentro da superstición alimentada polo
medo a andar os camiños de noite tan propio da nosa idiosincrasia popular.
Como toda narración na que interveñen
personaxes, os lectores pomos algo de nós mesmos na lectura, buscámonos na
realidade que viven os personaxes e no seu xeito de actuar. Tanto é así que
sentimos a atafegante atmosfera dun prisioneiro que para saír do cativerio vese
na obriga de matar ao seu carcereiro. Todo crime ten castigo e neste caso a
condena é ocupar o lugar do ferreiro vivindo coma el coa súa muller e fillo.
E ao final, ademais de quedar para a próxima sesión para abordar os outros dous realtos deste libro, houbo sorpresa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario