venres, 29 de maio de 2009

FOTOS DA REPRESENTACIÓN QUE NACEU NA BIBLIOTECA

















Unha plantación de bulbos de narcisos no día de San Narciso (29 de outubro do 2008) foi o comezo dun traballo de investigación e recreación do dramático e tan coñecido mito grego de Narciso e Eco. Un traballo conxunto do curso de 4ºESO B en materias como Cultura Clásica, Plástica ou Informática, mesmo na versión do mito lida en Galego e Inglés aquel día no que plantamos en varios testos os narcisos. Tardaron como é natural en medrar, cos coidados e regos de Paula, a bibliotecaria, para florecer xa na primavera, momento no que a Aula de Teatro xa traballaba arreo para darlle forma ao proxecto teatral diante do espello.

















Logo a nosa visita ao festival de Teatro greco-latino de Lugo serviu para educar o noso facer en escena. Naceu alí a idea de facer un grupo coral de Narcisos e de Ecos. Pero non só foi este mito o que usamos. Afondando no coñecemento dun mesmo traballamos sobre dous textos do filósofo Platón: o mito dos Andróxinos ( para crear homes e mulleres na escena da historia do home, tamén a necesidade do outro) e o famoso mito da Caverna ( unha reflexión para ver como os primeiros homínidos despois dun longo camiño chegan a ser o "homo sapiens"). Precisamente esta idea do evolucionismo foi incorporada por ser este o ano de Darwin e o azar levounos a unha exposición da Domus da Coruña que nos animou a introducir a obra con vídeos relacionados con este asunto.Intensificamos de inmediato os ensaios incorporando a música de Guadi Galego do seu traballo "Espido":



















e axiña chegou a descuberta dos elementos imprescindibles como os espellos:



























AULA DE TEATRO SAN NARCISO 08/09

Narcisos: Ángel Rodríguez, Noel Fandiño, Alejandro Roldán, Iván Santiago, Samuel Acuña, Breogán Veiga.
Ecos: Flor Corvalán, Belén Diz, Paula García, Jessica Pastoriza, Andrea Rodríguez, Alba Moraña, Nerea Pazos e Sara Pereira.
Coreografía: Ángeles Marín.
Vídeos: Alumn@s 4º Eso B e Darío Suárez.
Luz e Son: Conchi Pérez e Dani Vidal.
Dirección: Manuela Rodríguez e Héctor Silveiro.



Finalmente estaba xa todo preparado no salón de actos e chegou a representación hoxe 29 de maio do 09 e como o teatro é mirar aquí imos deixar unha breve reportaxe fotográfica de diversos momentos da obra:

NARCISO NA PROCURA DO EU









"... pide que o camiño sexa longo, rico en experiencias , en aprendizaxes"
Konstantinos Pétrou Kaváfis




Vimos ao teatro a ver, porque a vida é mirar, unha mirada reflexiva que o teatro reflicte como un espello. Un actor e un personaxe son realmente espellos de nós mesmos.
Narciso é un dos mitos máis dramáticos da mitoloxía grega, un fermoso eco das crenzas que había na antigüidade arredor do misterio da floración en primavera, ese rexurdir cíclico das plantas.
Pero aquel Narciso foi medrando e acumulando simbolismos que nos levan a reflexionar hoxe, no ano de Darwin, sobre a propia evolución do “homo sapiens” coma un proceso de coñecemento constante de si mesmo que tal vez nunca deberá culminar. O ser humano deberá superarse sabéndose finito e limitado, nunha eterna procura da súa identidade.








Neste curso que falamos sobre a interioridade, reflexionamos sobre o absurdo do EU sen un NÓS. Por iso aparece Eco a carón de Narciso, para evidenciar esa necesidade. O amor é unha das mellores e máis habituais vías para explorar esa proxección do eu nun nós.






Logo está o tema do espello, da imaxe que de nós mesmos temos, ou do que de nós mesmos descoñecemos, a pesar de mirarnos a ese espello cada mañá.
Textos de Platón, Ovidio ou Cortázar e tamén o catálogo da exposición da Domus da Coruña sobre Darwin contribuíron a dar forma a esta persoal e singular adaptación coral do mito grego de ECO e NARCISO.
















































Ningún comentario: