martes, 26 de maio de 2009

POETIZÁMONOS DA MAN DE FRAN ALONSO







Un día máis tarde do esperado, Fran Alonso chegou a nosa Biblioteca para compartir con 4º da Eso B e 1ºde Bacharelato unha xornada coa poesía como tema de reflexión. Falounos primeiramente Fran Alonso da Literatura da súa necesidade como camiño de liberdade para o home, coma un xeito diverso e máis panorámico de ver o mundo, unha vía de coñecemento máis completo da complexidade do mundo en que vivimos.
Logo soubemos que os poetas inchan máis os globos das palabras que os narradores, que mesmo hai casos nos que os globos estalan porque se fan incomprensibes os poemas á hora de darlles novos significados ás palabras. A poesía utiliza os significados que non veñen nos dicionarios, iso fai deste tipo de creación un tanto máis difícil de realizar (autor) e interpretar(lector), a pesar de ser máis sinxela de ler ( un poema lese máis axiña que unha novela). Fran Alonso quixo desmitificar o proceso de creación dos poetas. El mesmo pensa que os autores deberían ser "todoterreos" da literatura, capaces de crear tanto prosa como lírica, aínda que existan gustos ou preferencias, aínda que haxa tendencias que tenden a confundir cada vez máis os xéneros.
Fran Alonso tamén recitou poemas ben diversos dos que aparecen na súa Antoloxía. Explicounos así a xestación da mesma, onde mesturou poemas que lle gustan con outros que supoñen simplemente fitos na liteartura, sempre evitando os poemas xa supercoñecidos " Adios ríos, adios fontes..." ou o himno galego. Esta foi unha das preguntas que lle fixeron, e isto deu pe a falar un chisco de Pondal e da súa poética, da ide Pondal tan distinta da de hoxe e da de Fran Alonso. Pero cada momento ten a súa forma de plasmar a poesía. O poeta escribe fundamentalmente para o seu contexto, asegurou de si mesmo Fran Alonso. Leu poemas de Tortillas para os obreiros como exemplo do tipo de poesía que el produce. Coñecemos outros poemas seus como un poema-rap sobre a marea negra e finalmente despois de falar da dificultade de escoller un poeta clave ou un poema preferente, pois cada momento fai variar os seus gustos. Agora pode pemnsar en Benedetti, polo seu recente falecemento, pero dos 40 libros de poemas que este autor ten, sempre hai algo que non che gusta.
Finalmente Fran Alonso asinou libros a todos aqueles que quixeron ter un recordo escrito da xornada.

Ningún comentario: