Descubrimos
existencia dunha das escola máis temperás, case de pasada, nun texto de
desacougante actualidade. Trátase do relato dun suceso de crónica negra na
remota illa de Astripalea. O escritor Pausanias conta na súa Descrición de
Grecia un asasinato múltiple que conmocionou a xente do arquipélago do
Dodecaneso no ano 492 a. C. O crime aínda estaba vivo na memoria dos insulares
durante o século II d. C., cando o escritor viaxeiro o escoitou contar. A
lúgubre historia parece un cruzamento entre
Bowling for Columbine e a lenda de Sansón. Relata Pausanias que un mozo
resentido contra o mundo e con antecedentes violentos irrompeu nunha escola
para desabafar do seu odio perpetrando unha matanza de nenos: “ Din que o púxil
Cleomedes de Astipalea matou nun combate o seu contrincante Ico de Epidauro.
Pola súa brutalidade, os xuíces olímpicos retiráronlle a vitoria. Cleomedes
toleu coa rabia. Cando regresou a Astipalea, entrou na escola, onde había
sesenta nenos, e derrubou coa forza dos seus brazos a columna que sostiña o
teito. O edificio caeu sobre as súas cabezas e matounos a todos”.
Do libro de Irene Vallejo O infinito nun xunco
Ningún comentario:
Publicar un comentario