martes, 23 de abril de 2019
No Día do Libro do 2019: Mito e literatura
No día do libro do 2019 tomamos da Biblioteca esa gran obra titulada A Odisea de Homero para levala ás aulas de Secundaria e lembrar con ela na man, na súa versión traducida ao galego en verso por Evaristo de Sela no 1992 contámoslles aos alumnos/as que esa é, a pesar de estar escrita en verso hai máis de 2500 anos en grego antigo, a primeir anovela da Literatura occidental.
Logo reparamos en Ulises (nome latino) ou Odiseo (en grego), o home que dá nome ao libro e xera a palabra que todo o mundo hoxe entende cando di que "vive unha odisea". Ese home que marcha da súa patria á forza para non volver en 20 anos deixando na súa Ïtaca natal un fillo acabado de nacer e unha xove esposa, Penélope.
Outro grego do século XX, Kavafis, en grego moderno, faría un fermoso poema inspirado no libro de Homero e na viaxe de Ulises para concluír con rotundidade dicindo que en toda viaxe o importante non son nin a partida, nin a chegada, senón o cúmulo de experiencias vividas ao longo da mesma.
Isto deunos pé para comentatr que en cada època en occidente e en cada cultura en cada idioma xorde un novo lector da Odisea que acaba por recrear a Ulises de novo (poñamos por caso o famoso caso de James Joice na literatura inglesa do XX) pero que non había que afastarse moito para ver como en Galicia houbo e hai autores que fan iso mesmo. Rosalía de Castro en pleno século XIX, sorprendéndonos sempre tan na vangarda, escolleu pola contra a Penélope, dando unha nova imaxa daquela leal esposa de Odiseo, facendo unha lectura moi actual desta personaxe e provocando que na literatura galega se instale unha visión inesgotable dende o feminino da imperecedeira obra de Homero. No século XX lembramos os categóricos versos de Xohana Torre postos en boca de Penélope: "Eu tamén navegar" unha revolución feminista que non acaba máis que comezar. Begoña Caamaño non tardaría en crear xa no 2009 Circe ou o pracer do azul.
Non é que digamos que non haxa autores galegos que escollan a Odiseo (non hai máis que ver a obra de Cunqueiro en castelán Las mocedades de Ulises). Queremos sinalar iso si a importancia do mito para crear literatura. Homero era un cantor de versos mitolóxicos que creou personaxes con tanta fortuna como Ulíses, Penélope ou Circe. Mais tamén hai noutras literaturas personaxes poderosos que se ofrecen e fortalecen as ficcións de toda Europa. Poñamos por caso á Lenda Céltica Artúrica, esa que evoca o mesmo himno que Pondal compuxo coa figura de Breogán, o primeiro rei mitolóxico de Galicia. Tamén Cunqueiro emulando a Pondal, pasando polo crisol da nosa rica tradición oral, como fixera co Santo Grial e o propio Artur a comezo do século XX Cabanillas Na noite estrelecida, antes de escribir sobre Odiseo, escribiu o Merlín e familia traendo na súa xubilación ás Terras de Miranda ao mago céltico, que veu acompañado da mesma Xinebra. De novo Begoña Caamaño atreveusa a recrear en clave feminina a estancia en terras galegas de Merlín, pero, claro está, escollendo ela a unha muller meiga: Morgana en Esmelle hai tan só 6 anos.
Concluímos animando a ler e descubrir, tal vez, a recrear o mito na literatura como algo connatural ao ser humano. O mito vén sendo unha das esencias transcendentais para a existencias da mesma. Se cadra dende que o Homo Sapiens comeza a súa revolución sobre a terra como nos conta Yuval Noah Harari no seu ensaio Sapiens, de animales a dioses, o mito e posteriormente a literatura volvéronse imprescindibles para entender o que fomos, somos e seremos.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario