xoves, 29 de xaneiro de 2015

CELEBRAMOS A XORNADA ESCOLAR POLA PAZ E A NON VIOLENCIA

Di  o poeta:


MUNDO

Hai unha pedra-mundo reiterada.
Hai lameiros sen fondo,
gárgolas que desovan tristísimos invernos,
e hai millóns de cadáveres, e insomnes, e alienados,
e pulsións vergoñentas, e borra e analíticas,
e fames selectivas,
 e un fastío que nunca alcanza a ser catástrofe
e, porén, fai que neve cruelmente
e minta o calendario.

( Manuel Álvarez Torneiro, Os ángulos da brasa.)

Un día 30 de xaneiro de 1948 Mahatma Gandi morría asasinado a tiros despois dunha vida exemplar de loita e traballo polo seu pobo na India, pero tamén pola comprensión e difusión entre os pobos de todo o mundo dunha mensaxe de inconfundible e rotunda a favor da paz entre os homes e as mulleres. Por iso hoxe nós na súa memoria e a de tantos e tantos outros que coma el viviron e mesmo morreron pola paz, lembramos ao este apóstolo da non violencia proclamando con firmeza a nosa convicción da convivencia sen violencia, de rexeitamento da guerra e de da defensa da paz.  
O "Día Escolar da Non violencia e a Paz" foi fundado en 1964, naceu coma unha iniciativa pioneira, non estatal, non gubernamental, non oficial, independente, libre e voluntaria de Educación Non-violenta e Pacificadora, practicada xa nos centros educativos de todo o mundo.

 Esta celebración é, polo tanto, unha oportunidade máis de contribuír a que os centros se convertan en instrumentos de paz e entendemento entre persoas de distinta formación, raza, cultura e relixión. Non esquezamos que a escola é un reflexo dunha sociedade coa que comparte defectos, pero na que tamén se educa para a vida e se procura desenvolver nos alumnos e alumnas as capacidades e competencias necesarias para unha participación social activa, neste caso pola Paz.

Ningún comentario: