mércores, 13 de febreiro de 2013

1º e 2º da ESO COA AUTORA LEDICIA COSTAS



O pasado 7 de febreiro realizamos unha sesión dos ENCONTROS DA BIBLIOTECA SAN NARCISO con autores. Neste caso foron os cursos de 1º e de 2º da ESO que tras ler a novela Mortos de Ningures de Ledicia Costas e PereTorabuela, finalista para os recoñecidos premios Sarmiento convocados polos EDLG da FEREGA e  cuxa entrega despois do resultado das lecturas de varios centos de escolares de distintos centros de Galicia, terá lugar o próximo mes de maio.

 O Encontro coa autora Ledicia Costas que se desenvolveu en dúas sesións ( unha cos 2º da ESO  A e B e outra cos 1º A e B) serviu para resolver unha das interrogantes que máis preocupaba aos nosos lectores. Como era iso de uqe o sangue era verde. É un feito real ou é unha ficción?  Outra das intrigantes cuestións que se resolveron foi o feito de como demo se fai para escribir unha novela a dúas mans? Soubemos que a colaboración, tras establecer un plan inicial é substancial e que o ritmo de escrita é máis vertixinoso que se se escribira a unha soa man. Falounos Ledicia dos personaxes das peculiaridades de Nola, da rechamante personalidade da mascota Lolo e do mal humorado, mesmo agresivo que lles saíu o comisario.
Outro dos aspectos aos que resultaba imposible escaparse era a denominación e sentido dos espazos de Ningures e Todures, mesmo o do timidamente presentado de Algures (seica vai ser o lugar escollido para continuar a saga, porque vai a haber segunda parte; este foi un dos segredos revelados ao longo do Encontro). Entre a imprecisión e a evocadora realidade onde latexa a problemática dos inmigrantes.



Mais Mortos de Ningures é unha novela negra, que claramente procura e provoca contrastes coas clásicas do xénero cargado de tópicos rotos como a do protagonismo feminino fronte ao masculino mñais tradicional ou o do introducir elementos propias da Fábula coa figura de Lolo. O cotiá mesturado coa tensa situación que os personaxes viven na novela e de como se precipitan os feitos deltándose culpable quen non se espera.



Ledicia é ademais poetisa e alterna o seu gusto pola poesía co seu interese pola narrativa. Sacou o ano pasado O corazón de Xúpiter un texto narrativo que xira ao redor da mestura que resulta ás veces explosiva da adolescencia e as novas tecnoloxías, pero se cadra o libro que máis lle satisface dos da súa autoría sexa o libro de poesía Unha estrela no vento.

Falounos así mesmo do seu compromiso coa escrita en galego e de como esta escolleita ten un claro fundamento ideolóxico, de como unha persoa castelán falante na infancia e adolescencia, pode e debe comprometerse co idioma da súa Terra.

Agradecemos a editorial Everest que tivo a deferencia á hora de facilitar este Encontro coa autora que como é habitual rematou asinando exemplares do libro entre os lectores/as que trouxeron o seu libro. A cambio da súa sinatura tanto alumnos/as de 1º como de 2º entregaron diversos textos ben coas impresións persoais sobre a lectura de Mortos de Ningures como algunha que outra creación tentando afondar máis na descrición de Ningures e de Todures. Houbo alguén que mesmo se atreveu a imaxinarse Algures.

Ningún comentario: