xoves, 24 de maio de 2012

Poemas do mar na honra de Paz Andrade

Nos días previos á celebración da Letras Galegas realizamos varias sesións de traballo como anunciamos para coñecer mellor e honrar a Valentín Paz Andrade. Escollemos o mar como fío condutor das xornadas dedicadas a este home que tivo a Galicia como tarefa. Destacamos o seu carácter polífacético, como un gran comunicador, de aí a súa importancia para o xornalismo na Galicia do século XX, pero tamén como político impulsor da ferramenta do Partido Galeguista que tiña como meta o Estatuto e o autogoberno. Falamos do empresario modélico fundador de Pescanova e lemos poemas del e doutros poetas de todos os tempos que teñen coma protagonista o mar e as súas xentes. Dende o xograr Mendinho evocado por Paz Andrade como interlocutor para falar da Illa de San Simón como Illa de amor, illa de morte, ata Bernardino Graña co seu gato na taberna, pasando por Celso Emilio Manuel Antonio ou mesmo Lorca.
NA MATRICIAL GALIZA, SEMPRE TÚA, que denda Torre de Hercules ao Miño un facho acenderá por cada illa, cando ti volvas polo mare; de toxo unha fogueira en cada monte, cando ti volvas polo mare; dos castros na coroa unha cachela, cando ti volvas polo mare; unha loura candea en cada pino, cando ti volvas polo mare; o seu cirio de frouma os alciprestes, cando ti volvas polo mare; luces de ardora branca en cada mastro, cando ti volvas polo mare; un farol mariñeiro en cada dorna, cando ti volvas polo mare; veliñas á xanela en cada casa, cando ti volvas polo mare; e as pérolas das bágoas derramadas, cando ti chegues polo mare, cando ti chegues polo mare... Valentín Paz Andrade. Pranto Matricial,1955

Ningún comentario: