
Este ano sabedes que o lema do centro é o do respecto. No día a día atopámonos de fronte coa diversidade que nos fai humanos, precisamente na existencia e o respecto á diferenza atopamos a chave para convivir. Lendo tamén vivirás a diferenza e aprenderás a respectala, porque os libros son o reflexo do noso vivir entre os nosos medos e as nosas paixóns, unha vida chea de accións e reaccións do ser coa Natureza (tan necesitada do noso respecto nos tempos que vivimos), das persoas cos estados (que se amosan frecuentemente tan soberbios e altivos) dos uns cós outros (ás veces tan distantes como diversos) e finalmente do eu cun mesmo (a máis difícil lección por superar).
Nesa eterna carreira por comprender rostros da vida e das súas diferenzas, a lectura está aí para seducirnos co seu rico abano de apariencias e posibilidades, para enchernos de opcións e ofertas que cubran as máis variadas necesidades. Os libros de todo teñen e a todo problema saben responder, os libros confortan ao desvalido e debilitan ao forte grazas a palabras insospeitadas ou ineludibles. As páxinas dese libro que precisas están esperando para agarimar a túa querencia. Un libro en definitiva remítenos directamente á reflexión a sopesar ideas e crenzas, pareceres e intencións, para tras da lectura ser máis sabios e estar máis cheos de humanidade. Ler ensinanos a respectar a diversidade do ser humano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario