Esta Exposición titulada “Xornais e alfabetos do Mundo” é unha iniciativa do Departamento de Linguas Clásicas para dinamizar o uso da Biblioteca, na que estamos traballando todos os departamentos do centro, e tamén unha experiencia didáctica na que o curso de Cultura Clásica de 4ºESO B proporá a quen a visite unha serie de actividades.
A Exposición consta de dous apartados. Unha primeira parte introdutoria sobre a Historia das Letras e do Alfabeto, ese grande invento da Humanidade que permite a alfabetización de milleiros de homes e mulleres, de nen@s a través dun código de signos moi doado de aprender, unha verdadeira oportunidade para medrar como persoas pois os abre ás portas ao mundo dos lectura, da educación, do saber…
Por outra parte están os xornais do mundo dende os que se expresan na nosa lingua, o galego ata os que están en chinés ou en grego, dos xornais en ruso ou brasileiro ata os que están nunha lingua indi. Unha magnífica selección froito do labor do IES. da Illa de Arousa á que lla pedimos prestada para realizar no San Narciso esta Exposición.
Esperamos, pois, que gocedes con esta viaxe tan peculiar arredor do mundo a través das letras e dos alfabetos, xogando coas linguas que coñecemos (galego, portugués, castelán , francés, inglés…) e coas que non sabemos tamén como un xeito de coñecermos a nosa diversidade, a nosa riqueza cultural e lingüística, porque os seres humanos temos nesta diversidade o noso signo distintivo fronte as restantes especies animais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario