domingo, 26 de outubro de 2008

Artigo publicado na Voz de Galicia do 26 de outubro de 2008

artigo publicado no xornal la voz de galicia
26 DE OCTUBRo DO 2008.
Un novo plan de lectura. A lectura diaria nas aulas galegas, un novo intento de gañar lectores
Educación incluíu no ensino medio un proxecto que debe elaborar cada un dos centros educativos.
Autor:
Rodri García
Fecha de publicación:
26/10/08

Unha nova carta ao futuro da lectura empezouse a escribir estes días nos centros de ensino de toda Galicia. É outro intento (e van...) de gañar novos lectores, de descubrir ese pracer persoal e solitario de ler, de amosarlles aos escolares galegos que entrar nun libro debe ser precisamente iso: un pracer, nunca unha tortura, un terror como o que senten os protagonistas das Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, unhas misivas baixo as que moitos adolescentes galegos se veñen acubillando desde que en 1995 se publicou a primeira edición, xa que é un dos libros máis lidos nos institutos.
Uns minutos diarios de lectura na propia aula é a receita básica deste novo intento, ese é o plan que bota a andar neste curso escolar, unha carta ao futuro que pode estar escrita co lapis do carpinteiro , de Manuel Rivas, outro dos títulos máis lidos na última década.
A proposta aparecía o ano pasado ( DOG 13 de xullo de 2007) nun decreto de Educación no que se regulan as ensinanzas da ESO e no que se recollía o chamado Proxecto Lector de Centro. A partires de aí, o departamento de cada centro de ensino é libre de facer as súas recomendacións de libros de lectura, de pór en marcha as actividades que considere máis axeitadas.
A falta de hábito lector nas propias familias, a influencia das novas tecnoloxías e as dificultades para manter a atención na aula son algúns dos problemas que sinalan os especialistas para formar novos lectores.
Os profesores tamén mencionan a masificación das aulas con casos como o que cita o escritor e docente Xavier Seoane, que ten 32 alumnos en cada clase e apunta que, no medio de «tanta utopía da sociedade da información e do coñecemento, de tanta fascinación tecnolóxica, estamos con prácticas pregutemberianas, con rapaces de 16 anos aos que lles custa ler en voz alta». Neste senso, lembra que hoxe en día podería volver o asombro ante a presenza dunha persoa lendo, solitaria, en silencio, como contan algúns dos autores clásicos.
Manuel Castelao, do instituto coruñés Salvador de Madariaga, pensa que a lectura «se converte nun simulacro e estes planos tratan de reparar o irreparable», xa que o ensino «está en situación dramática».
Xunto con distintas actividades e iniciativas, o plan lector leva consigo unha relación de libros de lectura, dunha amplitude que tamén decide cada departamento e está elaborada a partires de informacións como a páxina do servizo de bibliotecas da Xunta, os libros gañadores dos premios literarios, sobre todo Arcebispo San Clemente, que ten como xurado a escolares de toda Galicia, a lista de honra do IBBY (na que figuran títulos como Cando petan na porta pola noite, de Xavier Docampo), as novidades das editoriais ou os intercambios entre profesores.

Ningún comentario: