sábado, 25 de outubro de 2025

FUNDAMOS UNHA BIBLIOTECA CLANDESTINA ?

 De origo, lectura e interpretación, memoria e impulso, 

luctor et emergo, defensa e inicio, clamor et libertas, 

semente e primavera, reflexión e revolta, 

clandestinidade e pensamento.


UNHA BIBLIOTECA CLANDESTINA

Se cadra é necesario fundarmos unha biblioteca clandestina para aprender de novo a valorar a importancia de ler en profundidade.  Non cabe a máis mínima dúbida de que, tras comezar este curso con alegatos obscenos a non darlle transcendencia á lectura, non deixa de ser necesario seguir insistindo na revolución persoal e colectiva que supón abrir un libro, para saborealo ou para aborrecelo, para mirármonos no espello que é a literatura, para agasallármonos cunha oportunidade para seguir soñando e construíndo utopías e, como diría Lorca, para impedir que morra a esperanza. Pan e libros. Que distinto a aquilo de "pan e circo", ou a esoutro de estadios e balón e máis balón!  


A CLANDESTINIDADE, O SENTIDIÑO E A CRÍTICA

Afastarse do abismo e da comodidade das maiorías  que mirando só as pantallas dos móbiles en rabaños son arrastrados ineludiblemente coma se dunha  DANA se tratase, cara ao conformismo apático e egoísta. Convértese pois nun exercicio necesario e paciente para tomar alento, respirar profundo e con sentidiño incorporarse, paseniño e sen volta atrás, á crítica, desprenderse do gris da uniformidade e a globalización impúdica, para apostar pola diversidade clandestina que berra en cada recuncho do universo mundo a favor da humanidade que está ferida polo máis cruel e despiadado necrocapitalismo no que vivimos indolentes as máis das veces. Que pouco sentido, que ausencia de empatía!  Si, debemos reaccionar se non queremos chegar tarde a estación nesta ocasión. A crítica é a arma pacífica das letras e da palabra contra o abuso do poder,  o clamor da crítica é esencial para educación e a viaxe da vida. Sexa tan só por evidenciar que a esperanza dun mundo mellor aínda existe, que reclama a nosa atención e o noso compromiso.

 

A DEBATE

Logo da confabulación manifesta do poder co odio vén a hipocrasía que proclama a neutralidade ideolóxica ante as cámaras da indecencia. Redimirse da corrupción da educación é un imperativo para docentes e alumnado,  tamén para as familias e a sociedade civil. A educación está en cuestión ao pretender introducir a caducidade do espírito crítico. Non todas as opinións son respectables, pero si que son todas cuestionables. Entender isto resulta vital para avanzar co progreso confidente da humanidade cara ao inexcusable deber da felicidade.


A MODO DE BIBLIOGRAFÍA DA OPINIÓN AO USO,
ou apuntamentos para este curso...

 neutralidade ideolóxica 

nun día das bibliotecas

Yolanda Castaño, cando deixo de ser flor, molesto

RAE: xenocidio

Ursula K. Le Guin

outro día das bibliotecas 

centenario

200 aniversario do autor Carlos Collodi, As aventuras de Pinocchio

Ningún comentario: