domingo, 4 de outubro de 2020

TOPONIMIA DE MARÍN de Elixio Rivas Quintas

Imos realizar na cabeceira deste curso unha especial recomendación que á vez resulta unha invitación a entrar neste apartado tan singular e tremendamente rico da nosa cultura como é o da toponimia. Facémolo a través da palabras coas que introduce o seu traballo o irmán paúl  Elixio Rivas Quintas que editou no Anuario Galego de Filoloxía nº 18 no ano 1982 e que se corresponde coa súa tese doutoral lida un 3 de outubro de 1979, fai corenta e un anos. Un magnífico traballo e unha marabillosa introdución que nos alegra poder difundir a través deste medio traducido ao galego. 




TOPONIMIA DE MARÍN de Elixio Rivas Quintas

Introdución

 O campo da toponimia está, na súa maior parte, por explorar. É  unha parcela do saber fascinante e prometedora, aínda que difícil e aventurada; e isto non só pola súa mesma natureza, senón tamén pola escaseza de traballos de vangarda.

O obxecto, os nomes de lugar, existe en calquera punto en que a pegada do home asentara. Poucos lugares da Terra, sen embargo, presentarán tal plétora por km.2 como Galicia. Se os chamados topónimos maiores sobrepasan os 35.000, os coñecidos por menores e que en nada difiren intrinsecamente dos outros, deben de rondar o millón e medio. Descontada a lingua común, non temos acervo de tal consideración en ningún outro aspecto da cultura. E é tanto máis importante o examinalo sen demora, canto que, en trance de perderse, se trata da palabra do home, reflexo e suma da súa alma, e manifestación do seu paso por esta terra galega. É unha pegada estereotipada que se borra día a día; sen a toponimia prerromana, quedaríamonos, de súpeto, sen un monumento arqueolóxico tan importante como as mesmas mámoas e castros.

Escollín como obxecto concreto de estudo toponímico, o Concello de Marín. Calquera retazo de Galicia cumpriría a mesma fin. Ademais de razóns de estancia Marín ofrecíanos certas posibilidades como zona recortada.

Colocámonos ante a paisaxe facendo abstración do presente. Os nomes de lugar supoñen ao home con todos os seus traballos, enfrontado a un anaco de terra. Ha de chamala por un nome para entenderse e ata para expresar as súas ideas e sentimentos; e non o fai por azar. Será expresando as súas calidades físicas: sería reflectindo un momento histórico con el relacionado; será dándolle o seu propio nome humano como documento de posesión... Ao fin e ao cabo sempre existe unha razón suficiente. A partir de aí, haberá un diálogo continuo coa terra concreta, pronunciada pola palabra e aberta e  acariñada pola man.

O estudoso da toponimia, ciencia dos nomes de lugar, ten que volver ao pasado, ás veces moi afastado, e facer revivir cada nome coas motivacións que lle deron principio. Isto supón penetrar na entraña do pobo, para dar coa alma da palabra, coa semántica. Claro que hai que seguir un camiño, a fonética, pero esta, necesaria como é, non é máis que o externo. Ata pode que se salven incongruencias aparentes polo paso do tempo. Fonética e semántica irán facendo a luz no empeño, por conectar a voz petrificada co presente. É ciencia en que se fai recomendable non despegar moito do chan para evitar espellismos. E así tentar, iluminar, explorar o pasado. Tanto os acertos como as hipóteses, iranse confirmando ou rectificando. En ningún caso, se o traballo é concienzudo, se perderá o esforzo.

 

Método

 Se en todo xénero de investigación é necesario o método, máis aínda nun estudo como o que nos atinxe, marcadamente conflitivo e desputado, no que a necesidade non existe e no uqe as probas, por válidas que parezan, non conclúen.

Recollemos e confrontamos todo o material toponímico de Marín co Catastro e cos habitantes. É imprescindible operar sobre realidades; o demais sería unha entelequia. Visitamos os lugares precisos, supoñendo ante as súas características e nome, o proceso denominador do impoñente. De aquí que, o primeiro en cada artigo estudado, sexa a decrición somera, pero suficiente, da súa orografía. Na ansia de chegar á forma orixinal, recolléronse nos documentos locais as formas deses topónimos a través do tempo, axudándonos de formas paralelas noutras zonas.

Unha das mellores testemuñas é a constancia da palabra na linguaxe falada; a procusa tras as voces afíns dunha familia. Vimos despois se hai algo definido sobre o topónimo concreto e, así, sempre ampliando os círculos, cal é a opinión dos etimólogos no noso mundo romano, para discutir logo, persoalmente, a etimoloxía, coincidindo ou non con anteriores ditados, aínda que  tratando de probalo. A conclusión a que chegamos, mais ben hipotética que apodítica, encabeza cada un dos artigos. Temas hai que están suficientemente discutidos e non precisan de argumentación; outros, moi discutidos, ou aínda por estudar, esixen unha discusión seria, con aporte de probas convincentes. de aí a desproporción entre algúns artigos.

 Unha vez repasado todo o elenco de topónimos locais, á vista da fenomenoloxía, fanse constar conclusións de carácter lingüísticos.


Xeografía local

O concello de Marín está encravado na peníndula do Morrazo, promontorio saínte das Rías Baixas, provincia de Pontevedra. Ten 40,50 Km., limitando ao Leste co concello da capital. O seu chan é, en xeral, montañoso; incluso os vales son moi desiguais. As entidades de poboación, a excepción de Pastoriza, ubícanse nun anfiteatro vertebrado ao redor do pequeno monte Penizas, con dúas correntes  principais, de curto caudal e curso; ríos Neibó e Lameira. Bordean o termo os montes: A Serra, Pedra Longa, Gagán, Formigoso, Monte Branco e Monte Castelo- O Formigoso con 519 mts. É o máis alto.

 A capitalidade do concello, Marín, está a nivel do mar, ocupando a cuncha terminal do val, entre Estribela e Monte Pesqueira. O val é fertil e ben regado. Crece o millo, hortalizas, legumes, forraxes; a vide, árbores frutais. Os montes, agás o Monte Blanco ou Calvo, cóbrense do arborado, pino e eucalipto sobre todo. Antes foron toxo en alturas e carballo e sobreira en ladeiras e cavorcos. A constitución do terreo é granítica, A constitución do terreo é granítica. A costa, rochosa, ten oito kms.. de longo. .irregular, con saíntes e abundantes praias. O Porto de Marín é importante; tráfico de pesca.

 O réxime de poboación é disperso, cubrindo as casiñas valles e ladeiras. son sete as parroquias; ultimamente, a cabeceira dividiuse en dúas, creándose a sufragánea de Cantodarea. todos os lugares están comunicados por estrada. Suma o concello uns 22.000 habitantes Marín, a capital sobre 11.000.

 A presenza da Escola Naval Militar en Marín fíxose notar en moitos aspectos da vida, nos últimos corenta anos.

(Continuará)





Ningún comentario: