martes, 22 de setembro de 2020

A LECTURA ESA OPORTUNIDADE NECESARIA E COMPRACENTE


Comezamos a andaina do curso 2020-21 cunha invitación que sempre está detrás como obxectivo de todo principio dunha viaxe. Trátase dun curso diferente en moitos sentidos, se cadra un curso no que a lectura debe estar no frontispicio en letras sobreimpresas no limiar de entrada como chave incluso dunha porta imaxinaria que nos introduce irremediablemente na rutina e tamén na sorpresa que agardan o bulir das aulas cheas de vida. 

A lectura existe como  oportunidade porque ten de certo algo implícito de azar, de posibilidade e de desexo á vez  e esixe de nós iniciativa. Pobre dos alumnos e das alumnas que non exerzan ese poder infindo que ten a curiosidade por saber que latexa na acción de ler. Unha actividade oportuna, é dicir, axeitada, e simultaneamente un ofrecemento como unha mazá colorada tras un día de verán caluroso.

A lectura é necesaria como ferramenta ineludible que vertebra calquera ciencia, calquera investigación e calquera estudo. Non é imposición séndoo. Non é mandato, pero é imposible non contar con ela no día a día do estudante. 

A lectura será compracente porque toda acción humana conleva pracer ao implicar obxectivos que se van cumprindo, metas que se van acadando, praceres que se van descubrindo. Algo intrínseco en todo proceso de crecemento intelectual e intelixente que nos fai medrar e responde xeneroso ás nosas preguntas.

Comecemos logo... boa lectura, meus!

Ningún comentario: