luns, 23 de marzo de 2020

Un conto e un canto: Que é o que as mulleres desexan máis que nada?

Un conto e un canto para chegar a unha reflexión

Comezamos con este conto tirado dunha fermosa colección de contos de tradición oral do mundo reunidos por Tim Boyle: 

GALVÁN E A ESPANTOSA DAMA

Era unha mañá fresca e seca a principios do inverno e o rei Artur e os seus cabaleiros saíran de caza. Durante a cacería, Artur viuse separado  dos seus compañeiros e mentres estaba buscándoos atopouse cun cervo branco, que o mirou directamente ós ollos durante un momento e despois fuxiu cara o bosque.

Os cervos brancos son extremadamente raros e Artur sabía que sempre representaban o misterio, un portal cara a outros mundos, así que partiu en pos da misteriosa criatura, decidido a seguila a calquera aventura a que lle conducira. Penetraron cada vez máis profundamente no bosque, ata que o cervo virou para afrontarse a Artur, ao volverse, converteuse nun enorme cabaleiro completamente cuberto cunha armadura. Cun golpe do seu brazo vestido de aceiro derribou a Artur do seu cabalo e despois puxo o pé sobre o peito de Artur, desenvaiñou a espada e dixo:
-         “Artur, preparádevos a morrer!”.
-         “Non temo morrer”, dixo Artur, “pero vos deshonrades atacándome deste modo, porque vós estades completamente revestido de armadura e eu só levo a miña roupa de caza. Loitarei con vos se iso é o que desexades, pero deixádeme regresar ao meu castelo e poñerme a armadura, entón teremos unha pelexa xusta”.
-         “Perdoareivos cunha condición, Artur, que me prometades regresar aquí no prazo dun ano e un día coa resposta a esta pregunta. Que é o que as mulleres desexan máis que nada?... Se non conseguides traerme a resposta correcta,  cortareivos a cabeza. De acordo?”
-         “De acordo.”

Sen dicir unha palabra máis, o cabaleiro gruñiu e desapareceu no bosque. Artur cabalgou de regreso ao seu castelo, onde contou a súa aventura e a súa intención de pasar ese ano cabalgando polo reino, buscando a resposta á pregunta. Houbo un momento de silencio mentres a xente asimilaba a noticia, pero entón Sir Galván, un dos seus cabaleiros, deu un paso ao fronte e dixo:
- “Meu señor, deixádeme cabalgar con vós”.

Sen demora, Artur e Galván partiron na súa misión, e onde queira que ían preguntaban a xente que era o que as mulleres desexaban máis que nada.
- “¡Bo sexo!”, dicían algúns chiscando un ollo.
- “Diñeiro”, dicían os cínicos.
- “Roupas finas”, dicían outros.
- “E máis roupas finas”, xemían algúns dos maridos.
- “Un marido novo”, suspiraban algunhas das mulleres, con sentimento. 

Parecía que todos os preguntados tiñan algo diferente que dicir, e anotaron todas as respostas que recibiron nunha longa lista esperando que entre todas elas estivese a correcta.
Cando o ano chegaba ao seu fin, cabalgaron para reunirse co cabaleiro, tiñan o corazón tristeiro, porque no máis fondo do seu ser sabían que non tiñan a resposta correcta. Mentres cabalgaban polo bosque chegaron a un pequeno cruce de camiños e xunto a el estaba sentada a muller máis espantosa que  xamais viran. Tiña o pelo enmarañado con grandes greñas; a súa pel escamosa estaba cuberta de chagas supurantes; os seus ollos eran  pequenos puntos vermellos afundidos profundamente na cara; a súa boca era como un corte profundo que cruzaba a cara, e del saían uns cairos amarelos; tiña as mans coma poutas, e cheiraba tan mal que os cabalos espantáronse dela.
-         “A onde vos dirixides meus fermosos mozos?”, dixo sen alento, con voz estridente.
Artur refreou o seu cabalo.
-         “Ben, isto, señora, estamos nunha misión.”
-         “Ooooh, unha misión, eh?”, riu con satisfacción a bruxa. “Polo que escoitei, non tivestes moito éxito!”.
-         “Que queredes dicir? Recollemos moitas, moitas respostas”.
-         “Non me importa cantas respostas teñades”, cuspiu a bruxa, “Non vos servirán de moito se non tedes a correcta!”
O corazón de Artur latiu máis  apresa.
-         “Señora, se sabedes iso,  sabedes tamén a resposta á pregunta?”
-         “Ooooh, si, si que a sei.”
-         “Entón, polo amor de Deus, dicídenola e recompensareivos con tanto ouro como queirades.”
-         “Non é ouro o que desexo. Só vos direi a resposta se un dos vosos cabaleiros...,” detívose burlona, cos ollos brillantes saltando dun a outro, “promete casar comigo!”.
-         “Señora”, dixo Artur incómodo, “non quero ser groseiro, pero non podería pedir  a ningún dos meus cabaleiros que case con vós.”
-         “Ídevos pois! Perdede a cabeza! Pouco me importa!”

Artur estaba a punto  de continuar, pero Galván dixo:
- “Meu señor, esperade. Se esa dama nos dá a resposta á pregunta, entón eu mesmo casarei con ela”.
- “Por todos os santos Galván”, dixo Artur volvéndose cara a el, “pensade o que dicides!”
          - “Se nos dá a resposta”, repetiu Galván firmemente, “casarei con ela.”
- “Oooooh, ben -- gorgoxeou a bruxa,-- “gustádesme, Galván, sodes un fermoso mozo!”
E díxolles a resposta á pregunta, pero non a escribiron na lista, coa esperanza de que o cabaleiro estivera satisfeito cunha das respostas que xa tiñan, e por tanto que Galván non tivera que casar coa bruxa.

Cando chegaron ao lugar de reunión atoparon ao cabaleiro afiando unha gran machada mentres lles esperaba. Artur entregoulle a lista e el leuna. Cando leu a última resposta ruxiu:
-         “Artur, preparádevos a morrer!¡A  resposta non está aquí!.”

Galván deu un paso e dixo:
-         “Esperade! Temos unha resposta máis e esta: O que as mulleres desexan máis que nada é ter poder sobre as súas propias vidas.”

Unha expresión de furia anubrou a cara do cabaleiro.
-         “Esa é a resposta correcta!” gruñiu, e marchou internándose furioso no bosque.
-         “Díxenvolo", cacarexou a harpía. “Vamos Galván, vamos casar!”

Artur, Galván e a bruxa regresaron á corte. Todo o mundo encheuse de alegría ao ver aos dous cabaleiros despois da súa longa ausencia, pero tamén lles sorprendeu un pouco a estraña criatura que traían consigo. Cando a xente soubo que Galván se ía casar coa bruxa, un silencio descendeu sobre a corte e todos puxéronse de loito polo fatal destino do pobre home. Pero unha promesa é unha promesa, e Galván e a bruxa casaron.

Esa noite, tras o sombrío banquete de vodas, os recén casados foron aos seus apousentos. Moqueando e gruñindo coma un xabarín asmático, a harpía deslizouse na cama. Sen valor suficiente para achegarse a ela, Galván paseaba de aquí para alá recorrendo o dormitorio. Ao fin ela asomouse entre as colchas.
-         “Galvanciño”, resollou, coa saliva pingando da súa boca sen labios, “isto ha de ser un verdadeiro matrimonio. Vinde aquí e bicádeme.”

Galván respirou fondo, dirixiuse ao leito, pechou os ollos, inclinouse e bicou á bruxa.
-         “Ben”, dixo unha doce voz, non estivo tan mal, verdade?

Galván abriu os ollos e... na cama xacía a máis fermosa muller que vira xamais!.
-         “Con ese bico rachachedes o feitizo que pesaba sobre min, dixo. Ou ao menos a metade, porque só podo conservar esta forma a metade de cada día. Así que agora debedes elixir. Queredes que sexa bela durante o día e vos honre na corte ante os vosos amigos, pero fea pola noite cando esteamos sos vós e mais eu? ¿Ou queredes que sexa fea durante o día, pero fermosa pola noite cando esteamos xuntos e sos?”

Galván pensou un momento e despois dixo:
-         “Señora,  déixovos a elección a vós.

Ante isto ela sorriu e despois dixo:
-         “Ésa é a resposta correcta. Con ela rachaches a segunda parte do feitizo, e agora serei tan bela coma sempre, todo o tempo.

--------------------------------------------------------------------------------

Despois do conto, un canto da cantautora Sés:
Non son fada, nin princesa a quen mirar 

Finalmente, tras do conto e do canto, vén a reflexión, seguro que temos elementos suficientes de xuízo para responder a esta pregunta: Que cres que  é o que as mulleres desexan máis que nada?

Ningún comentario: