Outro conto e outro canto para a reflexión
JACK E A MORTE (conto inglés)
A nai de Jack estaba no seu leito de morte. O médico foi vela e marchouse dicindo que non había nada que facer. Namentres a súa nai loitaba entre a vida e a morte, Jack baixou a unha praia próxima a aliviar a súa tristeza camiñando pola area, dando patadas ás pedriñas, mirando o mar, tratando de non chorar.
De súpeto, unha silueta alta e delgada chegou camiñando pola praia e achegouse a el, vestida cunha capa negra e co rostro tapado baixo a carapucha. Ao chegar ao seu lado preguntoulle con voz alta e aguda.
-“Sabes onde está a granxa Beanstalk, mociño?”
A granxa Beanstalk era onde vivía Jack, e el de seguido adiviñou que esta figura sen rostro era a Morte en persoa que viña buscar a súa nai.
“Quen quere sabelo?”, preguntou Jack facendo tempo.
“A Morte”, dixo ela altiva.
“Bah!”, dixo Jack. "Bo chiste! De verdade quere que mo crea? É máis probable que sexa un vendedor de enciclopedias”
-“Non son un vendedor de enciclopedias” saltou impaciente a Morte.”Son a Morte e teño moito traballo importante que facer. Xa vou con atraso así que, serías tan amable de dicirme onde está a Granxa Beanstalk para que poida seguir o meu camiño?”
“Oh, vamos!”, dixo Jack, “non esperará que me crea un conto chinés como ese. Cre que nacín onte? Non, aposto que está tramando algo malo.”
“Por amor de Deus”, dixo furiosa a Morte.”Eu son a Morte e necesito ir á granxa Beanstalk. Onde demo está?”
“Sigo sen crerlle”, dixo Jack. “Se quere que lle axude, terá que demostrarme que é realmente a Morte,”
A Morte respirou profundamente, – o seu médico previñéraa contra o estrés -,e logo dixo, con esaxerada cortesía: “De acordo, mozo. Que queres que faga para probalo?”
“Bo”, dixo Jack “se de verdade fose a Morte, podería cubrir o ceo enteiro.”
“Iso é doado”, dixo a Morte, e medrou e medrou ata encher o ceo enteiro, escurecéndoo todo como se fose de noite. “Ves?”, dixo fachendosa despois de encollerse de novo.
“Onde?”, dixo Jack. “Púxose todo escuro e non vin nada. Non, iso non me vale, terá que facer outra cousa. Mire, se fose de verdade a Morte poderia berrar tan forte que retumbasen os acantilados.”
A Morte berrou tan forte que caeron rochas dos acantilados e os peixes saltaron fóra da auga asustados.
-“A iso chamalle berrar forte?”, riu Jack. “Miña nai murmura máis alto cando me conta un conto para durmir. Non, iso non vale. Ah, xa sei! Isto probarao!” Jack sacou unha botelliña do peto, desenroscou a tapa e dixo:
-“Se en verdade é a Morte poderá meterse doadamente nesta botella, porque a Morte pode entrar en calquera sitio, incluso cruzar portas pechadas.”
- “Doado”, dixo a Morte, e encolleu e encolleu, máis e máis, ata que saltou meténdose na botella. En canto estivo dentro, Jack púxolle rapidamente a tapa, enroscouna e pechouna. Agora tiña atrapada á Morte, e asubiando unha alegre canción, regresou á casa.
Cando chegou alí, atopouse a súa nai bailando pola cociña.
-“Oh Jack”, dixo “Síntome moitísimo mellor! Sabes que? Vaite ao carniceiro a comprar touciño para o almorzo. Teño moita fame.”
E alá foise Jack á carnicería. Pero cando chegou, atopouse ao carniceiro sentado fóra, limpándose a fronte.
-“Bos días”, dixo Jack, "Pode poñerme un pouco de touciño, por favor?”
- “Jack”, respondeu o carniceiro, “encantaríame venderche o touciño, pero hai un pequeno problema. Verás, levo intentando matar o porco toda a mañá pero, faga o que faga, simplemente non morre.”
- “Non importa”, dixo Jack, "Póñame entón un polo.”
- “Pásame o mesmo cos polos”, dixo o carniceiro. “tampouco consigo matalos.”
- “Curioso”, dixo Jack.
- “Toma, intentalo ti”, dixo o carniceiro dándolle o coitelo. Jack foise ao patio de atrás e apuñalou o porco, pero en canto sacou o coitelo, a ferida curouse. Entón foi e cortoulle a cabeza a un polo, pero esta volveu a pegarse ao pescozo dun chimpo.
- “Curioso”, pensou Jack, e volveu a casa da súa nai. “Hoxe é un deses días raros,”díxolle, “o carniceiro non consigue matar nada.”
- “Que cousa tan rara! dixo a súa nai. “Bo, non te preocupes, vaite á horta e cólleme unhas verduras. Farei unha sopa rica.”
Jack saíu á horta e tirou dunha cenoria, pero en canto saíu da terra ata a metade, unha forza misteriosa tirou dela cara adentro de novo. Así, deuse de conta de que fixera o que fixera non conseguiría sacar unha pataca, romper unha folla de repolo, coller un tomate, nin unha xudía.
- “Curioso”, pensou Jack. Tratou de arrincar unha mazá dunha árbore, pero simplemente se negaba a soltarse da rama, e tivo a mesma sorte coas cereixas.
- “Moi curioso”, pensou Jack mentres volvía a casa e dicíalle a súa nai que nada se deixaba coller.
- “Que cousa tan rara!", dixo a súa nai. “Bo non te preocupes, xa comeremos algo despois.”
Os días pasaban e nada morría. Jack, a súa nai e todos os demais tiñan cada vez máis fame. Non só iso, cada vez había máis de todo; máis moscas, máis pulgas, máis mosquitos.
Por fin a súa nai suspirou.
- “Jack, non podemos seguir así, non ten ningunha graza. Eu non sei exactamente que ocorreu para que pasen cousas tan raras, pero non me estrañaría que ti tiveses algo que ver en todo isto. Dime, que fixeches?”
Jack sacou a botella do peto.
- “Atopeime coa Morte que viña a por ti e atrapeina nesta botella.”
- “Jack”, dixo a súa nai, rodeándoo co brazo, “es un bo rapaz, pero vas ter que soltar á Morte.”
- “Si, seino, mamá”, dixo Jack en voz baixa. Bicou a súa nai e moi triste baixou cara á praia. Durante moito rato recorreu a praia de arriba abaixo, tratando de reunir o valor necesario para facer o que tiña que facer. Por fin sacou a botella, desenroscou a tapa e a Morte saíu dun salto.
Ao falar, a voz da Morte soou suave e amable.
- “Quizais agora entendas, Jack, que eu non son inimiga da vida senón a súa amiga, pois sen min, non existiría. A vida e máis eu somos caras da mesma cousa e non podemos existir a unha sen a outra.”
- “Si”, dixo Jack, agora o entendo. A Granxa Beanstalk está xusto detrás desa duna de area.”
- “Grazas”, dixo a Morte.”Volverei a verte algún día.”
- “Seino” dixo Jack.
A Morte desapareceu tras das dunas e Jack pasou moito rato sentado na praia mirando as ondas ir e vir. Logo volveu camiñando á casa, onde atopou a súa nai sentada na súa randeeira favorita, cun sorriso de serenidade na cara, morta.
---------------------------------------------------------------------------------Despois do conto, un canto unha versión dun romance tradicional interpretado por Amancio Prada:
Finalmente, que relación cres que gardan este canto e este conto cos versos de Rosalía de Castro que din: É feliz o que soñando morre, desgraciado o que morra sen soñar!
Ningún comentario:
Publicar un comentario