martes, 23 de outubro de 2018


O día 24 dr outubro dende 1997 vénse celebrando o Día da Bibloiteca  en lembranza dun incendio dunha Biblioteca de Saraievo durante o conflito nos Balcáns en 1992.

As Bibliotecas son un lugar dende onde se sementa a esperanza dun futuro mellor, porque na biblioteca atopámonos cun tesouro,  achamos o ouro das palabras que nos abren o mundo, que nos alimentan para medrar e medrar como se fósemos árbores, capaces de facer posible un bosque e erradicar os desertos culturais nos que ás veces vivimos pola falta de palabras. Disque  estamos perdendo moito léxico. A Biblioteca é unha das mellores maneiras de protexer as palabras e de dalas a coñecer. Abrir as súas portas, mostrar os seus recunchos, indagar entre os seus andeis para poñer nas mans lectoras  o tesouro das palabras é un dos obxectivos máis enriquecedores que posuímos nos centros escolares.

No San Narciso procuramos que a Biblioteca sexa ese lugar de encontro, comigo e cos demais,  atractivo e diferente, creativo e feraz, cargado de sorpresas, de ideas e onde afloran os sentimentos máis diversos o medo do mes de Defuntos á ilusión no mes de Nadal, imaxinamos un Marín nevado no mes de xaneiro e ata falamos do amor no mes de febreiro. A árbore que agroma en primavera como o carballo nacido dunha landra, co abril dos libros e as Letras galegas de maio. Tras do verán desa árbore que sementamos, veremos caer as follas coas que editaremos un novo libro.

Por iso é tan importante celebrar este día. Ven á biblioteca! A sementeira das  palabras vai comezar!.

Ningún comentario: