As palabras son sementes do noso futuro, se cadra, nelas se agocha esa entrada secreta do bosque da nosa vida. Nun mundo cheo de palabras como froiteiras cargadas de alimento e de esperanzas, nas hortas do planeta será doado sentirse capaz de aventurarse nun futuro mellor, capaz de descubrir tamén no pasado folgos para vivir o presente rico e fecundo, construíndo seres positivos e creativos, amantes da literatura e ilusionados polo progreso.
O ser humano precisa deste alimento que fecundan autores e autoras e que gardan nos regos que lemos nas follas dos libros. Ideas e propostas diversas escritas para ser consumidas como se fose un menú especializado, porque hai un libro esperando para cada un de nós, un texto que rexenera a ese corpo feble ou espido que precisa acougo ou vitaminas. A maxia das letras agarda paciente, como a semente baixo a terra, á espera dunha nova primavera que floreza en cada unha das mentes que recollan as súas incontables ofertas e sabores.O sabor das palabras ten algo de esperanza, si, se cadra saiba nun principio algo agre, ou demasiado doce, hai padais para todos os gustos, pero á fin será sorprendente e un arrecendo imposible será quen de abrirnos un apetito feroz e inesgotable por devorar lecturas e lecturas...
Vampiros ou mariños, avogadas ilustres e amantes ou soldados, músicos ou científicos e investigadoras curiosas serán compañeiros e compañeiras deste camiño de futuro pola floresta. A literatura é así e reside, xa o sabedes, aquí, nun recuncho, por veces, esquecido, pero non por iso menos sorprendente deste colexio, denominado Biblioteca. Esperámoste, disponte a sementar en ti e nos demais, centos ou milleiros de palabras, a descubrir o bosque dos libros.

Ningún comentario:
Publicar un comentario