venres, 13 de novembro de 2009

Celebramos o venres 13 con maxia e palabras.












Como xa vén sendo habitual os venres 13 celebrámolos na Biblioteca do San Narciso con textos e trucos, con sortilexios e palabras. Noel de novo, e por vez primeira neste curso, deseñou este espectáculo entre velas e un suave arrecendo de incenso como parte do decorado e sobre todo cun invitado especial, a ánima en pena do emperador romano Claudio que anda estes días do mes de defuntos por Galicia enrolado na comitiva da Compaña, que de Santa non che ten nada, na procura do Alén.
Leuse entón un texto creado para a ocasión por Héctor, o profesor de Cultura Clásica para evocar a tan marabilloso e honorable invitado, logo pronuciou Noel tamén a súa máxima a modo de sortilexio:

Un mago di o que non fai,
non fai o que di,
fai o que non di
e non di o que fai.


Claudio foi que de adiviñar que carta era a que escollera Santi, un voluntario dos que solicitou o mago entre un abundantísimo público e cara o final da sesión despois de demostrar a súa pericia coas cartas noel invitou de novo a un voluntario: o profe de Física e Química, Xaquín ao que transformou por espazo de dez minutos nun mago para realizar un truco con chisteira e todo. Rematamos a sesión sen despedirnos do espírito do emperador de Roma, esperemos que non o tomara a mal, en todo caso sempre nos queda a posibilidade de volver solicitar de Noel un dos seus conxuros máxicos para permitir que Claudio siga o seu camiño cara Fisterra e o mundo do Alén.

Ningún comentario: