martes, 14 de outubro de 2008

COÑÉCETE LENDO


Ola a tod@s, comezamos a andaina do blog da nosa Biblioteca de Secundaria do Colexio San Narciso cunha breve información sobre o que pretendemos facer.

O rostro do Plan Lector do centro debe ser a biblioteca, un espazo polo que circulen de xeito fluído propostas, prácticas e experiencias atractivas e participativas ao redor do mundo do libro e da lectura. Profesores, alumn@s e tamén as familias deben ter na biblioteca algo máis que un referente.
Coñécete lendo é o noso lema central para este curso, un xeito de adaptar a educación da nosa interioridade ao mundo da lectura e dos libros como recurso esencial dese proceso de enriquecemento da persoa que supón coñecerse a un mesmo. A biblioteca do noso colexio contribuirá de certo neste obxectivo transversal.

A introdución das novas tecnoloxías na biblioteca supón a creación dixital das fichas, a posibilidade de consultar os fondos a través do ordenador, a posibilidade de realizar consultas na rede na biblioteca e crear o blog da biblioteca como outra estratexia de achegamento, outro mecanismo de estar presente nas casas dos nosos usuarios.

É moi importante actualizar os fondos da nosa biblioteca, así como facer un bo uso dos fondos xa existentes. A catalogación dos mesmos, as novas adquisicións deben realizarse en función duns criterios acordes coa dinámica que se quere imprimir á biblioteca do centro, estudando e sopesando moi ben os recursos cos que contamos xa e á vez procurando novas dotacións de libros e infraestrutura necesaria para a renovación da biblioteca.

Para evidenciar o cambio que se lle quere dar ao uso da biblioteca debe transformar tamén na medida do posible o seu aspecto, de cara a facer dela un espazo atractivo e acolledor, agradable e cálido.


Varias campañas de dinamización da biblioteca están preparándose para xa para por parte dun grupo de alumnos/as que constitúen xa o Club da Biblioteca. Son rapaces e rapaces que voluntariamente traballan xa para dinamizar o seu uso. A primeira campaña que acordamos chamar "O alimento da palabra" está xa en marcha. Tamén imos realizar diversas exposicións organizadas por cada un dos departamentos que funcionan no centro. A primeira xa está instalada na biblioteca : "Xornais e alfabetos do mundo" que organiza o Departamento de Linguas Clásicas.

Ningún comentario: